Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 28 Abril 2024.

A Xustiza dálle a razón a CCOO e obriga a readmitir unha traballadora despedida na residencia de maiores de Vilalba

    A Xustiza dálle a razón a Comisións Obreiras (CCOO) e determina como nulo o despedimento dunha traballadora da Fundación Hospital Asilo de Vilalba, que xestiona a residencia de maiores da capital da Terra Chá. Ademais de esixir a súa inmediata readmisión, a sentenza, emitida polo Xulgado do Social n.º 1 de Lugo, insta a empresa a pagarlle os salarios deixados de percibir desde a data do despedimento e fixa unha indemnización de 7501 euros «por danos morais».

    30/11/2023.
    Comparecencia de Manuel Quiñoá (na mesa), canda persoal da residencia e entidades da Terra Chá para denunciar a situación na empresa

    Comparecencia de Manuel Quiñoá (na mesa), canda persoal da residencia e entidades da Terra Chá para denunciar a situación na empresa

    Desde CCOO congratúlanse por esta decisión, pois en todo momento o sindicato —que representou xudicialmente a afectada— defendeu que o despedimento da traballadora era unha represalia pola súa actitude combativa á hora de denunciar as condicións de traballo na residencia.

    A propia sentenza coida acreditada esa actitude reivindicativa da traballadora despedida, corroborada tanto polos testemuños presentados no xuízo como polo relato e documentación dos feitos probados, entre eles distintas denuncias presentadas no Concello de Vilalba, na Consellaría de Política Social ou na Inspección de Traballo meses antes do despedimento.

    «Por todo o exposto, enténdese que a demandante acreditou indicios suficientes que avalan que a decisión empresarial [...] trátase, en realidade, dunha represalia fronte a ela polas queixas formuladas», subliña a sentenza.

    Pola contra, a carta de despedimento unicamente alude a unha suposta «perda de confianza» pola «oposición permanente» da traballadora ao «sistema organizativo» da residencia. A «lacónica» descrición dos motivos para a rescisión do contrato «equivale, en todo caso, a non dicir nada sobre as causas concretas do despedimento», censura a sentenza.

    CCOO agradece o apoio do tecido social da Terra Chá á traballadora e ás denuncias sobre a represión laboral na residencia, especialmente ao Sindicato Labrego Galego —que compareceu como testemuña no xuízo— e ao movemento feminista da comarca.

    «Tiñamos claro que era unha represalia»

    O secretario xeral da Unión Comarcal de CCOO de Lugo, Manuel Quiñoá, sinala que «cando despediron a esta traballadora tiñamos claro que era unha represalia pola súa actitude combativa á hora de denunciar as condicións de traballo na residencia».

    Na súa opinión, a sentenza «marca un punto de inflexión» na Fundación, unha institución «que parecía intocable» en Vilalba «por dar unha aparencia de seriedade e rigor de cara a fóra, pero que de portas para dentro é todo o contrario».

    O sindicalista aplaude a actitude das traballadoras, que «plantaron cara» á adversidade «porque non queren ser cómplices das atrocidades que se están a cometer nas residencias; cando loitan polos seus dereitos laborais, tamén loitan polos dereitos das persoas residentes».

    Por último, o secretario xeral de CCOO de Lugo denuncia a actitude da Xunta de Galicia, «que mira para outro lado» e permite que este tipo de entidades «fagan negocio cos nosos maiores».