Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 27 Abril 2024.

CCOO impide unha fraude nas eleccións sindicais do persoal laboral do Concelllo de Pontevedra

    O Goberno local pretendía que se elixise un comité de empresa, cando só corresponde elixir tres delegados/as de persoal.

    03/12/2023.
    Oficinas centrais do Concello de Pontevedra

    Oficinas centrais do Concello de Pontevedra

    As eleccións sindicais son un proceso regrado no que o papel da empresa/administración está supeditado a facilitar os medios materiais para desenvolver o proceso electoral, no que a toma de decisión  lles corresponde ás mesas electorais e á intervención sindical. Se se considera que o proceso non se desenvolve de acordo coas normas establecidas, é posible impugnalo para que un arbitro/a decida o que corresponda legalmente.

    Nas eleccións do persoal laboral do Concello de Pontevedra, dende o Goberno municipal promovéronse unha serie de irregularidades que cuestionaban a limpeza do proceso e trataban de que se elixise un número maior de representantes do persoal laboral do que realmente corresponde, para diminuír a representatividade do persoal funcionario en favor do persoal laboral na composición da Mesa Xeral de Negociación.

    A Administración inflou o censo electoral incluíndo persoal fixo que xa finalizara a súa relación laboral co concello ou que, como consecuencia do proceso de estabilización, adquirira con anterioridade ao inicio do proceso a condición de funcionario/a.

    CCOO presentou unha reclamación para que se excluíse a este persoal do censo. A petición foi desestimada polo Goberno local, que durante todo o proceso usurpou as funcións propias das mesas electorais, que consentiron esa apropiación de funcións.

    Á vista do anterior, CCOO presentou unha impugnación das eleccións que se resolveu dándolle a razón ao sindicato e obrigando a elixir tres delegados/as de persoal en lugar dun comité de empresa. Evitouse así unha fraude electoral que alterase a representatividade sindical na Mesa Xeral de Negociación do Concello.

    Na vista do laudo arbitral, o Goberno local comisionou unha nutrida representación con técnicos municipais e o asesor xurídico para defender que correspondía elixir un comité de empresa, o que CCOO considera unha utilización fraudulenta dos recursos públicos, nun proceso en que a Administración está obrigada a ser neutral, pero que tampouco nos sorprende que non sexa así por ser práctica habitual do Goberno local de Pontevedra tratar de manipular os dereitos sindicais.