Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 27 Abril 2024.

A mesa sindical de bombeiros sae en defensa do persoal de Vilalba

    A mesa sindical de bombeiros de Galicia rexeita as declaracións do Consorcio Provincial de Lugo, nas que se acusa o persoal do parque de Vilalba de incumprir coa obriga de prestar os servizos mínimos. Os representantes do colectivo lembran que, desde a convocatoria da folga —que continúa activa—, os servizos mínimos decretados coinciden cos ordinarios.

    11/12/2023.
    Manifestación en Santiago de Compostela dos bombeiros dos parques comarcais (13/7/2023)

    Manifestación en Santiago de Compostela dos bombeiros dos parques comarcais (13/7/2023)

    Porén, o que si hai son baixas médicas, froito da sobrecarga de horas de traballo, falta de efectivos e avellentamento do cadro de persoal. A isto súmase o «alto grao de tensión a que estamos sometidos neste conflito», pois os bombeiros deben afrontar servizos fóra do seu ámbito habitual, empregar vehículos e equipamentos distintos aos do propio centro de traballo, coordinarse con compañeiros con outros sistemas de traballo e moitos outros factores que «fan que os niveis de estrés se multipliquen».

    Desde a apertura dos parques de bombeiros «non se fixo ningún incremento de persoal que permita aumentar o cadro de efectivos», indican desde a mesa sindical. Ao non haber novas ofertas de emprego, «a velocidade de envellecemento dos cadros de persoal corre sen freo»; isto ten «unha consecuencia directa en postos de traballo que requiren dunha esixencia física grande: o número de incapacidades temporais e a súa duración media medran conforme pasan os anos», subliñan os sindicatos.

    Ata que comezou este conflito, as ausencias suplíanse con bombeiros que puñan a disposición do Consorcio parte do seu tempo libre, acometendo horas de traballo extraordinarias de carácter voluntario. Porén, desde que se activou a folga, ningún bombeiro está facendo horas voluntarias, o que revela a fraxilidade e precariedade con que se prestaba o servizo e reafirma os argumentos dos folguistas.

    No caso do parque de Vilalba, tivo que pechar durante a ponte por falta de persoal, tanto os festivos coma o sábado, mentres que o domingo abriu con efectivos desprazados desde Viveiro. Deste xeito, quedou desatendido o servizo nun ámbito xeográfico que inclúe vías tan importantes como tramos da A-6 —autovía do Noroeste— ou da A-8 —autovía do Cantábrico—, ademais de atender os desprazamentos das estradas N-120 —que atravesa a Terra Chá— e N-634 —que une a Terra Chá coa Mariña.