Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Abril 2024.

CCOO denuncia que o Concello de Pontevedra segue vulnerando os dereitos laborais do seu persoal

    Os servizos xurídicos do sindicato acaban de gañar unha nova sentenza que lle recoñece a un policía local a indemnización a que ten dereito por asistir como testemuña a tres xuízos.

    14/12/2023.
    Edificio Concello de Pontevedra

    Edificio Concello de Pontevedra

    Os servizos xurídicos de Comisións Obreiras (CCOO) acaban de gañar unha nova sentenza en que se lle recoñece a un policía local de Pontevedra, en situación de baixa por incapacidade temporal, a indemnización a que ten dereito por asistir como testemuña a tres xuízos. O pasado mes de outubro xa logrou unha sentenza similar, nesa ocasión para un axente xa xubilado, pero citado por un asunto profesional de cando estaba en activo.

    Constitúe o obxecto da demanda a resolución do director xeral de Recursos Humanos do Concello de Pontevedra, José M. González Abal, pola que se desestima por silencio administrativo a petición do policía sobre a compensación económica por asistencia a xuízos.

    Pese a estar de baixa médica desde decembro do 2021 e ata o mes de marzo do 2022, foi citado a tres xuízos os días 12 de xaneiro, 2 de febreiro e 16 de marzo do 2022. Malia a situación de incapacidade temporal, o axente cumpriu o mandato xudicial e acudiu para declarar como testemuña sobre cuestións relativas á súa actividade profesional.

    Conforme o artigo 43 do acordo regulador do persoal funcionario do Concello de Pontevedra, os traballadores citados a declarar fóra das súas horas de servizo —como era o caso— «serán compensados cunha indemnización por importe do valor de tres horas extraordinarias». De igual maneira, o artigo 28 do Texto refundido do Estatuto básico do empregado público dispón que «os funcionarios percibirán as indemnizacións correspondentes por razón do servizo».

    Neste caso, ademais, o axente acudiu declarar porque así o pedira o Concello, tal como recolle a resolución xudicial: «[...] neste suposto, tal e como manifestou o letrado da parte demandada [...], a comparecencia do recorrente por un chamamento xudicial foi por petición da propia Administración local, isto é, foi o propio Concello de Pontevedra quen solicitou a intervención do recorrente no xuízo en calidade de testemuña».

    Por este motivo, e en base ao marco legal e normativo aplicable, o Xulgado n.º 2 do Contencioso-Administrativo de Pontevedra estima integramente o recurso do funcionario policial e condena o Concello de Pontevedra a aboar as indemnizacións do axente, fixadas en 177,6 euros, mais os correspondentes xuros legais desde a data da demanda.

    Vulneración de dereitos

    Para CCOO, a negativa do gobenro local de aboar a indemnización é «unha proba máis da persecución e penalización que veñen sufrindo os colectivos que son máis críticos coas políticas de negociación e xestión de persoal que practica o BNG no Concello de Pontevedra».

    Neste sentido, sinalan desde o sindicato, «lembrámoslle ao alcalde Fernández Lores que, anteriormente, outro Xulgado pontevedrés xa lle citou nunha sentenza por feitos simlares que “o tempo é a posesión máis valiosa e un dos bens máis prezados pola persoa”».

    CCOO considera que esta sentenza pon de manifesto «un abuso máis» do goberno do BNG, que lle nega a un traballador o exercicio dun dereito. «Entendemos que hai motivos suficientes para pedirlle explicacións ao alcalde e exixir que de xeito inmediato se reconduza esta política de ataque e abuso, especialmente contra o colectivo da Policía local».