Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 28 Abril 2024.

CCOO mobilizouse este luns en defensa dos dereitos laborais e sindicais na empresa Cibernos

    Comisións Obreiras (CCOO) mobilizouse este luns en defensa dos dereitos laborais e sindicais en Cibernos BPO, empresa do sector de centros de chamadas que ten como principal cliente a galega R (MasMovil), mais tamén presta servizos para outras compañías do mesmo grupo, como Virgin Teleco. Esta convocatoria encádrase nunha serie de accións legais e sindicais emprendidas polo sindicato para denunciar a deterioración das condicións e relacións laborais na empresa, actualmente xudicializadas.

    08/01/2024.
    Concentración en defensa dos dereitos laborais en Cibernos (8/1/2024)

    Concentración en defensa dos dereitos laborais en Cibernos (8/1/2024)

    CCOO denunciou perante a Inspección de Traballo e tamén nos Xulgados a limitación imposta pola empresa en asuntos «cruciais» como a conciliación da vida laboral e familiar. Tamén se denunciou o impedimento no gozo de permisos retribuídos para o coidado de familiares enfermos ou hospitalizados, así como o incumprimento de acordos previamente asinados coa representación legal das persoas traballadoras.

    Sanción ao traballo sindical

    Un dos aspectos que CCOO coida «máis alarmantes» é o «intento de restrinxir o dereito á acción sindical» por parte da empresa, que sancionou a tres delegadas sindicais de Comisións Obreiras por exerceren o seu crédito sindical. Estes feitos foron postos en coñecemento da Xustiza á procura dunha rectificación.

    Por outra banda, CCOO lamenta a «case inexistente» comunicación por parte da empresa coa representación legal das persoas traballadoras, «incumprindo de maneira constante o seu deber de información e consulta».