Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Abril 2024.

O persoal da limpeza da provincia de Pontevedra está chamado á folga mañá mércores, 10 de xaneiro

    O persoal da limpeza da provincia de Pontevedra está chamado á folga mañá mércores, 10 de xaneiro, por un convenio digno. Ademais do paro, os sindicatos CCOO, UGT e CIG tamén convocan dúas manifestacións na cidade de Vigo: a primeira, ás 12 horas, que partirá do cruzamento da Vía Norte coa rúa de Urzáiz; a segunda, ás 17 horas, do cruzamento da Gran Vía co centro comercial.

    09/01/2024.
    Protesta de persoal do sector da limpeza da provincia de Pontevedra

    Protesta de persoal do sector da limpeza da provincia de Pontevedra

    A Federación de CCOO do Hábitat denuncia que o persoal leva coa mesma nómina desde xaneiro do 2022, isto é, non percibiu incremento ningún nos exercicios 2022 nin 2023. Tendo en conta a inflación, isto supón perder case un 9 % de poder adquisitivo, pois o IPC rematou o 2022 no 5,7 % e o 2023 no 3,1.

    CCOO sinala que se trata dun sector maioritariamente feminizado e pexado pola precariedade —un 85 % de contratos a tempo parcial—. Por esta razón, unha das principais demandas é «dignificar as condicións de traballo dun colectivo cualificado como esencial nos momentos máis duros da pandemia e que non deberiamos esquecer agora que a gripe A está a ocupar os titulares», subliña o sindicato.

    Desde CCOO-Hábitat lembran que as negociacións do convenio comezaron hai xa dez meses, sen que a patronal amosase intención de lograr algún acordo, o que cualifican de «absoluta falta de respecto cara ás persoas traballadoras do sector».