Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 28 Abril 2024.

CCOO apoia a manifestación do 21 de xaneiro en defensa do sector pesqueiro galego e chama a participar nela

    O próximo 21 de xaneiro, o sector pesqueiro galego e o ecoloxista convocan unha manifestación en Santiago de Compostela como resposta á inacción das distintas administracións ante o vertido de granulados plásticos que ameaza as nosas costas, reivindicación que CCOO subscribe e apoia.

    11/01/2024.
    Na fotografía, saco de granulado plástico | Foto: RTVE.es

    Na fotografía, saco de granulado plástico | Foto: RTVE.es

    Parece que non se aprende dos erros: unha vez máis, Galicia está ameazada por mor da falta de previsión dos gobernos ante as continxencias do tráfico marítimo que navega por diante das nosas costas.

    A día de hoxe descoñecemos as consecuencias que pode ter a chegada dos plásticos ás nosas costas, tanto para a economía como para a saúde, e asistimos estupefactos ás declaracións inconscientes de membros do Goberno galego e mais ao intercambio de acusacións entre diferentes Administracións.

    A realidade é que, un mes despois, ninguén asume a xestión do problema e debe ser outra vez a cidadanía, como xa pasou na crise do Prestige, a que, coas súas mans e sen medios, faga o exercicio de responsabilidade que non lle corresponde.

    O que si sabemos é que o dano á reputación do sector pesqueiro será grande e afectará a moitas familias e comunidades pesqueiras. A Xunta de Galicia ten a obriga de gobernar este territorio; debe poñerse á fronte do problema e resolvelo co menor custo posible para a cidadanía galega. A Xunta de Galicia non pode agocharse e actuar con fins meramente electorais.

    Pola súa parte, o Goberno central debe poñerse a traballar no que é da súa competencia para que non se repitan desgraciadas experiencias anteriores que tan alto custo tiveron nas condicións de vida e traballo das comunidades pesqueiras.

    Por todos estes motivos, o Sindicato Nacional de CCOO apoia as xustas reivindicacións da mobilización do día 21 e chama a participar masivamente nela, ao tempo que lles esixe á Xunta e ao Goberno central que cumpran coas súas obrigas e se deixen de liortas electorais que só van en detrimento da cidadanía galega

    A manifestación terá o seguinte percorrido:

    — Domingo, 21 de xaneiro: saída ás 12:00 da Alameda. Percorrido por Porta Faxeira, rúa da Senra, praza de Galicia, rúa Doutor Teixeiro, rúa República Arxentina, rúa do Hórreo, Praza de Galicia, rúa das Orfas, Praza do Toural, rúa do Vilar, Praza Praterías, rúa de Fonseca e remate Obradoiro.