Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 20 Abril 2024.

Información sobre a Tarxeta Benvida e o bono alugueiro para este ano

    Editamos dous novos números da publicación CCOO Informa nos que se resumen as características, requisitos e prazos para as axudas Tarxeta Benvida e bono alugueiro para este ano. Toda a información está nos documentos anexos a esta nota informativa.

    15/01/2024.
    Novo número da publicación CCOO Informa

    Novo número da publicación CCOO Informa

    TARXETA BENVIDA

    A Tarxeta Benvida é unha axuda económica para as familias que no ano 2024 teñan un/unha fillo/a, adopten, sexan declaradas en situación de garda con fins adoptivos ou acollan de xeito permanente un ou máis menores de ata tres anos de idade.

    Tamén para aqueloutras que, aínda que obtiveron a axuda ou non accederon a ela por superar os ingresos previstos nas respectivas convocatorias do ano 2022 e 2023, experimentasen unha variación á baixa da renda da unidade familiar que implique ter dereito ás contías reguladas no artigo 4.2, así como para aquelas mulleres que no ano 2024 se atopen na semana 21 ou posterior de xestación.

    Con carácter xeral, os requisitos necesarios para a concesión desta axuda son:

    — Que a persoa proxenitora solicitante teña a súa residencia habitual en Galicia. Para estes efectos, considerarase cumprido o requisito de residencia habitual co empadroamento efectivo nun concello de Galicia.

    — Que a renda da unidade familiar non supere os 45 000 €. No suposto de que esta contía fose superior, a renda per cápita non deberá superar os 13 500 €.

    — Que a renda da unidade familiar non supere os 22 000 € para ter dereito á contía da axuda prevista no artigo 4.2.

    — Que a persoa proxenitora solicitante teña a súa residencia habitual nun concello cunha poboación inferior a 5000 habitantes para ter dereito ao incremento da axuda prevista no artigo 4.3.

    Para circunstancias particulares, esíxense outros requisitos que se detallan na folla informativa anexa.

    Con carácter xeral, a contía total da axuda é de 1200 euros por cada fillo ou filla durante un ano a razón de 100 €/mes. No suposto de que o fillo ou filla que dá dereito á axuda sexa o terceiro/a ou sucesivo/a da unidade familiar, a contía da axuda será de 2400 €, a razón de 200 €/mes.


    BONO DE ALUGUEIRO

    Canto ao bono de alugueiro, poderanse beneficiar as persoas que reúnan todos os requisitos seguintes: 

    — Posuír a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, Suíza, ou o parentesco determinado pola normativa que lle sexa de aplicación. No caso de persoas estranxeiras non comunitarias, deberán contar con autorización de estancia ou residencia en España.

    — Ser titular, en calidade de persoa arrendataria, dun contrato de alugamento de vivenda, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos. Os contratos deberán ter unha duración mínima dun ano e facer mención expresa á referencia catastral da vivenda arrendada.

    — Ter a súa residencia habitual e permanente na vivenda arrendada, o que se deberá acreditar mediante certificado ou volante de empadroamento no que conste, na data da solicitude, as persoas que teñen o seu domicilio habitual na vivenda obxecto do contrato de alugamento.

    — Que os ingresos mínimos da súa unidade de convivencia non sexan inferiores a 0,5 veces o IPREM (*).

    — Atoparse ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

    A renda mensual da vivenda obxecto do contrato de alugamento non poderá superar determinados importes, dependendo do concello en que estea situada —recóllense nunha táboa no documento anexo—. Non obstante o anterior, os límites á renda mensual da vivenda obxecto do contrato de alugamento poderán incrementarse ata un 20 % no caso de que as persoas arrendatarias sexan membros de familias numerosas e estean todas elas empadroadas na vivenda ou sexan integrantes dunha unidade de convivencia que precise unha vivenda adaptada para algún dos seus membros.

    Contía

    As axudas serán de ata o 50 % da renda, en función dos ingresos, conforme os seguintes tramos:

    — Ingresos desde 0,5 ata 1,5 veces o IPREM, o 50 % da renda que deban satisfacer polo alugamento.

    — Ingresos superiores a 1,5 e ata 2,5 veces o IPREM, o 40 % da renda que deban satisfacer polo alugamento.

    _____

    (*) O IPREM do 2023 quedou fixado en 600 euros.