Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 17 Maio 2025.

CCOO, UGT e FINE inician unha escalada de mobilizacións no sector financeiro

    «Banco Santander, Caixabank, BBVA, Sabadell, Unicaja, Bankinter, Abanca, Cajamar, Deutsche Bank, Ibercaja, Cecabank... están a apostar polo inmobilismo na negociación, con propostas que non producen avances suficientes».

    19/01/2024.
    Mobilizacións no sector financeiro.

    Mobilizacións no sector financeiro.

    Arrincará cunha manifestación o 8 de febreiro de 2024 en Madrid, seguida por outras actuacións e concentracións nas xuntas de accionistas, sen descartar a convocatoria de paros de non se produciren avances suficientes.

    Segundo manifestan de forma conxunta os sindicatos: «desde que impulsamos a apertura anticipada da negociación dos convenios de Banca, Aforro e Cooperativas de Crédito, os tres sindicatos presentes nas súas respectivas mesas negociadoras insistimos en abordar unha negociación rápida que achegase solucións inmediatas á perda de poder adquisitivo dos cadros de persoal, e que o fixese antes de publicar os beneficios récord de 2023».

    «Lamentablemente», indican as organizacións sindicais, «Banco Santander, Caixabank, BBVA, Sabadell, Unicaja, Bankinter, Abanca, Cajamar, Deutsche Bank, Ibercaja,Cecabank... están a apostar polo inmobilismo, con propostas a anos luz deses beneficios, do incremento de retribucións da alta dirección e, sobre todo, do que reivindican e merecen as súas traballadoras e traballadores».

    Ante esta posición, CCOO, UGT e FINE poñen en marcha unha escalada de mobilizacións, á que convidarán a participar a outros sindicatos presentes nas mesas respectivas, cuxo primeiro paso será unha manifestación en Madrid o 8F; tras a publicación de resultados que farán as empresas desde final de xaneiro, continuará con outras actuacións e concentracións nas xuntas de accionistas, e «fará un chamamento á implicación do persoal en forma de paros nos próximos meses, se non se producen avances suficientes».