Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Maio 2025.

Milleiros de persoas saíron ás rúas de Santiago en defensa do noso mar

    A manifestación foi convocada polos sectores pesqueiro galego e o ecoloxista.

    21/01/2024.

    URL | C�digo para insertar

    Milleiros de persoas participaron o domingo na manifestación convocada polos sectores pesqueiro galego e o ecoloxista. A marcha partiu da Alameda de Santiago de Compostela e percorreu varias rúas da cidade ata rematar nunha ateigada praza do Obradoiro, onde se leu un manifesto cuxas mensaxes principais clamaron contra a xestión ante o vertido de granulados plásticos que ameaza as nosas costas e o dano á reputación do sector pesqueiro que afectará a moitas familias e comunidades pesqueiras.

    Parece que non se aprende dos erros: unha vez máis, Galicia está ameazada por mor da falta de previsión dos Gobernos ante as continxencias do tráfico marítimo que navega por diante das nosas costas.

    A día de hoxe descoñecemos as consecuencias que pode ter a chegada dos plásticos ás nosas costas, tanto para a economía como para a saúde, e asistimos estupefactos ás declaracións inconscientes de membros do Goberno galego e mais ao intercambio de acusacións entre diferentes Administracións.

    A realidade é que, un mes despois, ninguén asume a xestión do problema e debe ser outra vez a cidadanía, como xa pasou na crise do Prestige, a que, coas súas mans e sen medios, faga o exercicio de responsabilidade que non lle corresponde.

    O que si sabemos é que o dano á reputación do sector pesqueiro será grande e afectará a moitas familias e comunidades pesqueiras. A Xunta de Galicia ten a obriga de gobernar este territorio; debe poñerse á fronte do problema e resolvelo co menor custo posible para a cidadanía galega. A Xunta de Galicia non pode agocharse e actuar con fins meramente electorais.

    Pola súa parte, o Goberno central debe poñerse a traballar no que é da súa competencia para que non se repitan desgraciadas experiencias anteriores que tan alto custo tiveron nas condicións de vida e traballo das comunidades pesqueiras.

    Por todos estes motivos, o Sindicato Nacional de CCOO apoio as xustas reivindicacións da mobilización do día 21 e chama a non baixar a presión cidadá, ao tempo que lles esixe á Xunta e ao Goberno central que cumpran coas súas obrigas e se deixen de liortas electorais que só van en detrimento da cidadanía galega.