Resolución do Tacgal dándolle a razón a CCOO e anulando a licitación do SAF de Outes
A reclamación formulada por CCOO perante o Tacgal advertía de que que a oferta económica do concurso público non recollía os custos salariais reais nin os posibles incrementos futuros que establece a lei. Segundo os cálculos do sindicato, os pregos administrativos sitúanse un 3 % anual por baixo dos custos reais. Por outra banda, tampouco fai unha previsión «real nin aproximada» dos incrementos no futuro, pois cando se produciu a licitación xa se estimaba un ipc real para o 2023 superior ao devandito 3 %.
«Con só estas dúas irregularidades, a oferta económica é case un 7 % inferior aos custos reais, o que implica unha ameaza sobre o beneficio empresarial que podería provocar o incumprimento sistemático do convenio colectivo, prexudicando as persoas traballadoras do servizo», sinalaba CCOO na súa impugnación.
O Tribunal de Contratación é taxativo respecto dos incumprimentos do Concello na elaboración dos pregos, e aféalle falta de motivación nos seus cálculos:
«[...] non só non consta no expediente da licitación esa necesaria desagregación do orzamento e do valor estimado, senón que de feito nin sequera se aprecian os elementos imprescindibles para coñecer os cálculos efectuados e a súa orixe, nin se mostra que se axuste aos prezos de mercado nin que se tivesen especialmente en conta os custos laborais derivados dos convenios colectivos de aplicación [...]».
Canto aos custos salariais, o Tacgal abunda:
«[...] semella que o órgano de contratación limitouse a trasladar a información sobre o persoal con dereito a subrogación, sen realizar a imprescindible análise sobre as condicións e necesidades derivadas do contrato a licitar [...]».
Por todo isto, o Tribunal conclúe que «debemos loxicamente estimar o recurso presentado» e coida procedente «a anulación das magnitudes económicas fixadas [...], o que leva consigo a [anulación] do conxunto da licitación». Así mesmo, repróchalle a Outes a «nula defensa» a favor da legalidade dos pregos.
Satisfacción en CCOO
Desde CCOO-Hábitat congratuláronse pola resolución do Tacgal. «Unha vez máis, volvemos demostrar con feitos que seguimos sendo o único sindicato combativo e útil para defender os dereitos das persoas traballadoras, que son a quen representamos e a quen nos debemos».