Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Abril 2024.

CCOO amplía ao Concello de Santiago a demanda pola situación no servizo municipal de multas

    Comisións Obreiras (CCOO) anunciou hoxe a ampliación de demanda pola situación no servizo municipal de multas incluíndo nela o Concello de Santiago. A día de hoxe, catro persoas traballadoras levan máis de catro meses sen cobrar o seu salario porque non se fan cargo delas nin a empresa adxudicataria (SCI), nin a súa subcontrata (Correo Inteligente Postal) nin o propio Concello.

    30/01/2024.
    No centro, Joaquín García, secretario xeral de CCOO en Santiago-Barbanza

    No centro, Joaquín García, secretario xeral de CCOO en Santiago-Barbanza

    CCOO sinala que forman parte do servizo nove persoas, das cales cinco dependen directamente da contrata e cobran puntualmente os seus salarios. As outras catro, que fan labores de ensobrado e notificación das multas, dependen da subcontrata pero levan máis de catro meses sen cobrar e atópanse actualmente de baixa médica.

    O sindicato leva desde o mes de novembro á procura dunha solución por parte do Concello, que ten a intención de municipalizar a parte do servizo a cargo da subcontrata, pero sen cumprir coa obriga de subrogar este persoal.

    O secretario xeral de CCOO en Santiago-Barbanza, Joaquín García, advirte que «non consentiremos que persoal dun servizo público quede na estacada porque o Concello se desentenda das súas funcións», motivo polo cal se presentou unha demanda contra as empresas e a propia Administración local en defensa dos dereitos das persoas traballadoras.

    García esíxelle ao Concello «que cumpra o asinado», en particular o artigo segundo do prego de prescricións técnicas da licitación do servizo, que recolle o deber de vixilancia que debe exercer a Administración.

    A este respecto, García subliñou que calquera cambio nas condicións de prestación do servizo debe serlle comunicado ao Concello «en quince días». Porén, «descoñecemos quen está a realizar o traballo que facían estas catro persoas e o propio Concello dinos que tampouco sabe quen o fai».

    Ante esta falta de claridade, o responsable de CCOO coida que só hai dúas opcións: que non se estea a prestar o servizo ou que se faga con outro persoal. «Calquera das dúas opcións sería irregular», pois a primeira sería unha falta administrativa e a outra sería unha vulneración do marco laboral.

    García, que compareceu ante os medios de comunicación acompañado por dous dos traballadores afectados, rematou a súa intervención salientando que «pola nosa parte, as canles de comunicación co Concello están abertas e a disposición para chegar a unha solución é total», polo que instou o Goberno local a traballar con axilidade nese sentido.