Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Abril 2024.

CCOO denuncia o mal estado dos vestiarios das empresas auxiliares de ENCE

    A Dirección coñece perfectamente esta situación, pero opta por incumprir as súas obrigas legais respecto da normativa de seguridade e saúde.

    30/01/2024.
    Poboado de casetas proporcionadas por ENCE e as Empresas Contratistas ao Persoal. Fonte Google

    Poboado de casetas proporcionadas por ENCE e as Empresas Contratistas ao Persoal. Fonte Google

    Desde CCOO de Pontevedra queremos denunciar o denigrante estado de insalubridade e inseguridade dos espazos de aseo e vestiario que se ven na obriga de utilizar os traballadores e traballadoras das empresas auxiliares na factoría de Lourizán (ese mesmo persoal que defendeu en primeira liña a continuidade da empresa).

    Alén do enreixado do aparcamento para visitas, atópase unha especie de poboado chabolista de ruinosas casetas de obra proporcionadas por ENCE e as empresas contratistas, que supostamente están destinadas a vestiarios, aseos e duchas para este persoal.

    A maioría destas casetas son simples contedores de ferramentas sen calefacción, sen ventilación, sen espazo nin armarios suficientes, onde o amoreamento é total durante as paradas técnicas. Estruturas corroídas, cedidas e podres dan paso a humidades, condensación, pingueiras e buracos polos que se coan insectos e ratas como ocupantes habituais.

    Os cortes de luz son continuos debido ao mal estado das instalacións, con enchufes queimados, luminarias rotas, empalmes ao aire ou cadros eléctricos abertos en zonas húmidas, co que poñer a roupa de traballo é, en si mesmo, un acto de valentía pola ausencia de calefacción.

    Estes espazos de duchas e aseos, con portas arrincadas, charcos no chan por múltiples fugas de auga de retretes, duchas e acumuladores eléctricos, teitos cheos de condensación e humidades, paredes cubertas de óxido e varios sanitarios precintados desde hai anos, non son o escenario dunha película de terror, senón o lugar onde se atenta contra a dignidade e a saúde dos traballadores e traballadoras.

    Ademais, non existen espazos paras mulleres nin tampouco casetas para contratas pequenas, polo que se es unha traballadora ou realizas traballos puntuais, terás que marchar coa roupa de traballo á casa ou mudarte no coche.

    A Dirección de ENCE coñece perfectamente esta situación pero opta por incumprir as súas obrigas legais respecto da normativa de seguridade e saúde, polo que CCOO procedemos a presentar a correspondente denuncia na Inspección de Traballo, e non desistiremos ata que aos traballadores/as das empresas auxiliares se lles proporcionen uns vestiarios e espazos de aseo dignos que non atenten contra a súa saúde e a súa seguridade.