Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 3 Maio 2024.

Eleccións ao Parlamento de Galicia

18F: CCOO pídelles aos partidos políticos «que falen de Galicia» e presenta propostas para os principais retos do país

    Ante as eleccións ao Parlamento de Galicia do vindeiro 18 de febreiro, o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia esíxelles aos distintos partidos «compromiso político, valentía e xustiza social», así como un posterior proceso de diálogo social permanente «para buscar consensos o máis plurais posible», subliña o sindicato. «A calidade democrática depende de que se recupere o marco de participación institucional, o diálogo e a concertación social», recalca CCOO nunha declaración institucional.

    09/02/2024.
    18 de febreiro, eleccións ao Parlamento de Galicia

    18 de febreiro, eleccións ao Parlamento de Galicia

    A secretaria xeral, Amelia Pérez, pídelles aos candidatos e candidatas «que falen de Galicia, das galegas e dos galegos e do que nos importa». Tamén subliña que estamos inmersos nun proceso de cambios estruturais que cómpre abordar «desde consensos amplos, con políticas valentes e que estean pensadas para mellorar a vida da xente». A este respecto, a sindicalista advirte que os aspectos económicos non poden primar sobre os sociais.

    Pérez identifica entre os principais retos para Galicia o reforzamento dos servizos públicos, a procura de máis e mellor emprego, o apoio ao tecido produtivo e o desafío que representa o cambio climático. «É imprescindible falarmos das cuestións que melloren a vida da xente e que fagan que Galicia siga avanzando e transformándose», conclúe a secretaria xeral de CCOO.

    Declaración institucional

    A declaración institucional do sindicato —que se xunta— aposta por aproveitar o período 2024-2028 para elaborar un Plan Estratéxico de Galicia «que nos coloque na vangarda dos cambios estruturais en que estamos inmersos». O Goberno que saia das urnas despois do 18 de febreiro debe «asumir políticas que corrixan o rumbo», sen que iso se vexa interferido pola «política convulsa» estatal ou a existencia de diferentes cores políticas nas distintas Administracións.

    Neste sentido, a declaración institucional de CCOO recolle propostas para cuestións como o autogoberno, o financiamento autonómico, a lingua e a cultura, os servizos públicos —en particular a sanidade, a educación e a atención á dependencia—, o emprego de calidade, os sectores estratéxicos da economía galega, a industria, o turismo, a mobilidade —salientando o ferrocarril— e o cambio climático.

    Audios asociados

    Amelia Pérez, secretaria xeral de CCOO, sobre as eleccións galegas