Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 9 Novembro 2024.

CCOO subliña a importancia dos plans de igualdade e da negociación colectiva para a corresponsabilidade

    Con motivo do Día pola Igualdade Salarial e do Día Internacional das Mulleres, que respectivamente se conmemoran o 22 de febreiro e o 8 de marzo, Comisións Obreiras (CCOO) fai público un estudo que analiza a situación sociolaboral das mulleres galegas.

    20/02/2024.
    De media, as mulleres cobran un 23% menos ca os homes

    De media, as mulleres cobran un 23% menos ca os homes

    O documento tamén recolle propostas para corrixir os desequilibrios existentes, especialmente no que atangue á corresponsabilidade e aos coidados. Segundo a secretaria de Muller e Igualdade de CCOO, Mamen Sabio, o conflito entre a vida familiar e a vida laboral ten «enorme transcendencia» e «fortes implicacións» no sostemento da vida.

    A conciliación, que antes se consideraba un asunto de mulleres, «é un problema social», mais o concepto de corresponsabilidade «dá un paso máis, que mulleres e homes se responsabilicen das tarefas domésticas, do coidado de fillas e fillos e persoas dependentes». Isto implica, segundo o sindicato, compartir o público e o privado, de xeito «que o espazo público non sexa exclusivo de homes nin o espazo privado unicamente de mulleres». Para CCOO, os plans de igualdade e a negociación colectiva son «fundamentais» para aplicar e mellorar as medidas de corresponsabilidade.

    As fendas, en cifras

    Segundo CCOO, a fenda salarial que padecen as traballadoras galegas é «intolerable». De media, cobran un 23 % menos que os homes ao ano. Asemade, o salario medio anual rolda os 8500 euros, un 45 % inferior ao dos homes. Esta fenda salarial tamén se traslada aos coidados. Deste xeito, as mulleres solicitan nove de cada dez medidas de conciliación como son as excedencias (87 %) ou xornadas parciais (91 %) para atender este cometido, o que tamén se traduce nunha minoración dos ingresos.

    Medidas

    O sindicato avoga por revisar determinados aspectos da nosa política laboral e da nosa política de coidados. Canto á primeira, «cómpren medidas que contribúan a non utilizar os contratos a tempo parcial como fórmula de contratación para as mulleres» debido ás negativas consecuencias que isto ten.

    Outras medidas son a coeducación transversal e desde a infancia, a implantación dunha rede de servizos públicos de calidade e accesibles para toda a cidadanía —centros de saúde, gardarías, colexios, residencias, centros de día—, así como un «cambio de paradigma» no propio mercado laboral que incorpore de xeito intrínseco medidas de corresponsabilidade.

    «Cómpre construír unha axenda transformadora que invista nos coidados e poña no centro a vida para acabar coa fenda de xénero e avanzar con máis rapidez cara á igualdade», enfatiza Sabio. «Só a través do recoñecemento social do valor do traballo doméstico e os coidados teremos traballos decentes, e as mulleres seremos libres para contribuír á transformación social e ao ben común sen a sombra da precariedade ou a desprotección», apunta.