Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 28 Abril 2024.

CCOO-Servizos informa dun seguimento do 82 % en Galicia na «histórica» folga do sector financeiro estatal

    A Federación de Servizos de CCOO informa dun seguimento en Galicia do 82 % da «histórica» folga do sector financeiro, á cal estaban chamadas a participar 7600 persoas na comunidade autónoma e 152 000 en toda España. Oito de cada dez traballadoras e traballadores do sector secundaron o paro de dúas horas, entre as 8 e as 10 da mañá. «Atrasamos dúas horas a nosa entrada ao traballo, mais avanzamos tres anos para o futuro», advirten desde CCOO, que convocou a folga conxuntamente coa UGT e FINE.

    26/02/2024.
    Na fotografía, persoal do sector financeiro durante a xornada de folga do 26 de febreiro do 2024

    Na fotografía, persoal do sector financeiro durante a xornada de folga do 26 de febreiro do 2024

    Un paro histórico, pois nunca antes se mobilizaran asemade a banca, o aforro e as cooperativas de crédito, que respectivamente empregan a 2600, 4800 e 200 persoas en Galicia. Ademais da folga, houbo tamén concentracións na Coruña e en Vigo.

    CCOO insta as cúpulas directivas do sector —que bateu todas as súas marcas de beneficios— a reverteren os seus aumentos de soldos e reparticións de dividendos para, con iso, incrementaren de maneira xusta os salarios do persoal, fixar un límite sectorial e por empresa do tipo de xuro dos empréstitos, reducir a carga laboral e presión comercial, así como dotar os centros de traballo do persoal axeitado para dar un servizo de calidade.