Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 28 Abril 2024.

CCOO insta a Xunta a poñer en marcha un plan de atención para as máis de 220 000 persoas en situación de pobreza extrema

    Comisións Obreiras (CCOO) urxe a Xunta de Galicia a poñer en marcha un plan de atención ás persoas que viven en situación de pobreza, así como un cambio de políticas para que as galegas e galegos poidan «vivir con dignidade». A secretaria de Emprego e Política Social do sindicato, Maica Bouza, coida «malos datos» os divulgados esta semana pola Enquisa de condicións de vida do INE, que revela un aumento das taxas de risco de pobreza e exclusión social.

    27/02/2024.
    Segundo o INE, Galicia ten 37 666 persoas máis en situación de pobreza extrema respecto do ano anterior

    Segundo o INE, Galicia ten 37 666 persoas máis en situación de pobreza extrema respecto do ano anterior

    O sindicato fai un chamamento a que o próximo Goberno galego «tome en serio esta prioridade», utilizando as competencias autonómicas para «deseñar un plan de acción que permita frear a deterioración das condicións de vida, en especial dos colectivos máis vulnerables».

    Galicia ten 37 666 persoas máis en situación de pobreza extrema

    Segundo o indicador AROPE, no ano 2023, un total de 686 068 persoas estaban en risco de pobreza ou exclusión social. E destas, 521 950 —19,4 % da poboación— viven por baixo do limiar da pobreza e por iso están en risco de padecela. «Dito doutro xeito, dous de cada dez galegos e galegas son pobres», resume Bouza. En situación límite atoparíanse as 220 618 persoas que viven en pobreza extrema, 37 666 máis ca un ano antes.

    Respecto do ano anterior, o número de persoas en situación de pobreza aumentou un 8,05 % —eran 634 949 no 2022—, mentres que a porcentaxe de poboación por baixo do limiar da pobreza aumentou do 18 ao devandito 19,4 %. Pola súa parte, as persoas en pobreza extrema aumentaron un 20,59 % —de 182 952 ás xa referidas 220 618.

    Doutra banda, que a taxa AROPE en Galicia se sitúe por baixo da estatal «tampouco é un bo dato», xa que mentres que no Estado aumentou cinco décimas nun ano —do 26 ao 26,5 %—, na comunidade autónoma aumentou o 1,9 %, catro veces máis, pasando do 23,6 ao 25,5 %.

    Outro dato negativo que sinala CCOO é a renda media por persoa. En Galicia medra menos que no Estado, un 6,4 % fronte a un 8,3 %, ata situarse nos 13 147 euros. Isto significa un aumento das desigualdades, pois a renda media galega pasa de equivaler o 95 % da renda media estatal ao 93 %. Traducido en números, se no ano 2022 a renda media dun galego ou galega era 656 euros inferior á estatal, agora xa é 935 euros máis baixa.

    Como consecuencia, a porcentaxe de poboación que se atopaba en situación de carencia material e social grave subiu nun ano do 6,3 % ao 8,2 %. Ademais, a porcentaxe de galegas e galegos con moitas dificultades para chegar a fin de mes tamén se incrementou do 7 ao 8,6 %.

    Outros datos

    Outros datos preocupantes que revela a Enquisa de condicións de vida é que case catro de cada dez fogares non se poden permitir ir de vacacións polo menos unha semana ao ano; o 4,5 % dos fogares non pode comer carne, polo ou peixe cando menos cada dous días; ou que tres de cada dez fogares non teñen capacidade para afrontar gastos imprevistos. Por último, a pobreza enerxética tamén aparece reflectida, pois a porcentaxe de fogares que non pode manter a vivenda a unha temperatura axeitada aumentou do 19,3 ao 21,5 %.