Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Abril 2024.

Os datos sobre o ingreso mínimo vital (IMV) en Galicia demostran que é preciso reformar a Risga

    Comisións Obreiras (CCOO) coida que os últimos datos sobre o ingreso mínimo vital (IMV) lle dan a razón ao sindicato á hora de demandar a reforma da renda de inserción galega (Risga).

    01/03/2024.
    Foto: Dominio público

    Foto: Dominio público

    Segundo os últimos datos facilitados polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, na nómina do mes de xaneiro aboáronse en Galicia 25 028 prestacións que beneficiaban a 66 402 persoas. Estamos a falar de que en cada fogar perceptor hai, de termo medio, 2,65 persoas.

    A contía media por fogar sitúase en 502 euros. A media máis alta dáse en Ourense con 525,06 euros. Das 25 028 prestacións aboadas en xaneiro, 15 352 teñen complemento de axuda para a infancia.

    A maioría son mulleres

    Como adoita acontecer nas prestacións de carácter asistencial, o número de mulleres perceptoras do IMV é superior ao de homes: 17 576 mulleres fronte a 7452 homes. Este patrón reprodúcese en toda Galicia, aínda que con maior intensidade na provincia de Pontevedra.

    Aínda é insuficiente

    Segundo a Enquisa de condicións de vida do INE en 2022 (que considera os ingresos de 2021), había en Galicia 182 952 persoas en situación de pobreza extrema. Os datos de xaneiro de 2024, tres anos e medio despois da creación do IMV, reflicten que o número de prestacións aboadas é de 25 028 e o de persoas beneficiarias 66 000, cifra que non chega á metade da poboación en situación de pobreza extrema.

    Nese mesmo período, no Estado aboáronse 577 447 prestacións que supoñen máis de 1,6 millóns de persoas beneficiarias; é unha cifra importante pero que aínda está lonxe do obxectivo inicial de chegar aos 2,3 millóns de persoas que están en situación de po­breza extrema. 

    Diferentes análises —como os da Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airef) ou Oxfam— sinalan dúas causas principais polas que o IMV non despregou todo o seu potencial: o seu deseño (con estritos limiares de patrimonio) e a falta de información.

    Reformar a Risga

    Se queremos avanzar na erradicación da pobreza e da desigualdade, cómpre estender a cobertura do IMV resolvendo as súas lagoas e, xa en Galicia, reformar a Risga, que no último ano do que hai datos (2022) deu cobertura a pouco máis de 6200 persoas, sem­pre sobre a base de contar con orzamentos suficientes para que estas políticas públi­cas acaden os fins desexados.