Oficina do Servizo Público de Emprego de Galicia
«Nun mes con datos positivos non se xustifica que as mulleres galegas sigan soportando unha inxusta fenda de xénero», sinala Maica Bouza, secretaria de Emprego de CCOO. «Desde CCOO seguimos loitando contra a discriminación laboral das traballadoras en calquera das súas formas e negociando propostas no diálogo social, na negociación colectiva e nos plans de igualdade para mellorar as súas condicións de vida».
A sindicalista destaca que, un mes máis, continúan os bos datos no ámbito laboral. Porén, «aínda hai moita marxe de mellora», xa que a contratación indefinida no Estado é moi superior á rexistrada en Galicia: un 46 % fronte ao 37 % galego.
Análise por sexos e sectores
En Galicia están no desemprego 130 583 persoas, das cales 54 955 son homes —185 menos que en xaneiro— e 75 628 mulleres (–333). Seis de cada dez persoas paradas seguen sendo mulleres, a pesar da boa evolución do mercado laboral no último mes. Atendendo ás idades, hai 5289 persoas menores de 25 anos inscritas no Servizo Público de Emprego (+85) e 125 294 maiores desa idade (–603).
O paro diminúe en todos os sectores de actividade: no primario hai 59 persoas desempregadas menos, na industria 124, na construción 148 e 381 nos servizos. No colectivo sen emprego anterior, o desemprego medra en 204 persoas. Compre subliñar que sete de cada dez persoas inscritas como «sen emprego anterior» teñen máis de 30 anos.
Análise da contratación
En febreiro rexistráronse en Galicia 49 602 contratos, dos cales 31 303 foron temporais e 18 299 indefinidos. O volume de contratos rexistrados en febreiro foi un 6,06 % inferior: a contratación indefinida increméntase un 2% mentres que a temporal cae un 10,21%. Neste punto, a secretaria de Emprego de CCOO critica o «menor compromiso do sector empresarial galego co traballo de calidade», xa que, como se indicou, o emprego indefinido en Galicia é menor ca no Estado: só 37 de cada 100 contratos que se rexistran na comunidade autónoma responden a esta modalidade, mentres que en España son o 46 %.
Afiliación á Seguridade Social
Canto á Seguridade Social, cos datos do último día de mes, a afiliación sobe en 4034 persoas e alcanza a cifra de 1 052 842 afiliados e afiliadas (+0,38 %). A afiliación media mensual aumenta en 4488, situando o número de persoas traballadoras afiliadas en 1 055 018. Deste total, 832 516 corresponden ao réxime xeral, 204 267 ao de autónomos e 18 236 ao réxime especial do mar. Asemade, a afiliación media en Galicia increméntase un 0,43 %.
Prestacións por desemprego
En xaneiro cobraron algún tipo de prestación por desemprego 90 226 persoas: 44 530 prestacións contributivas e 45 696 subsidios. En relación cos ERTE do mes de febreiro, este mecanismo daba cobertura a 820 persoas a final do mes, das cales 511 estaban en ERTE ETOP e 309 en ERTE de forza maior.