Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 27 Abril 2024.

Concentración o vindeiro luns contra a destrución de emprego en Teleperformance

    O comité de empresa de Teleperformance na Coruña convoca unha concentración de delegadas e delegados o vindeiro luns, 11 de marzo, das 13 ás 14 horas fronte ás instalacións da empresa. Con esta acción queren denunciar a destrución de emprego na delegación coruñesa da compañía.

    06/03/2024.
    Na fotografía, mobilización de persoal de Teleperformance na Coruña

    Na fotografía, mobilización de persoal de Teleperformance na Coruña

    «Fomos espectadores da desaparición de servizos históricos nesta delegación», o que motivou que se pasara de case mil persoas traballando a só 515. A iso sumouse a deslocalización a Colombia do servizo de atención ao cliente de Unión Fenosa Distribución e un ERE estatal que motivou a saída de 38 persoas —300 en todo o Estado.

    «E agora seguimos vivindo un goteo constante de despedimentos» que a empresa cualifica como disciplinarios, pero todos eles «acabarán sendo declarados improcedentes», vaticina o comité.

    A situación está sumindo o persoal na continua «incerteza» sobre o seu futuro, traballando «baixo ameazas e presións constantes, e co temor de ser ou non o seguinte en saír despedido».