Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Decembro 2024.

CCOO denuncia o «abandono» do servizo de Correos na provincia de Pontevedra e reclama máis persoal

    CCOO denuncia o «caos» e o «abandono» no servizo de Correos da provincia de Pontevedra pola falta de persoal. Malia as reiteradas peticións do sindicato para que se fagan contratos co fin de cubrir as ausencias por enfermidade, permisos e outras circunstancias, o operador postal négase. A situación, a día de hoxe, prexudica especialmente a poboación do rural, pero tamén os propios traballadores e traballadoras, que a diario deben facer máis quilómetros dos que lles corresponden tanto nas zonas rurais como nas urbanas, o que «supón un alto risco de accidente no exercicio das súas funcións», advirte Comisións.

    06/03/2024.
    Oficina de Correos de Vilagarcía de Arousa

    Oficina de Correos de Vilagarcía de Arousa

    As sobrecargas de traballo e o aumento da quilometraxe que han percorrer as traballadoras e traballadores de distribución someten o persoal «a un alto nivel de tensión». Por esta razón, CCOO solicitoulles aos responsables de saúde laboral a realización de avaliacións de riscos psicosociais nos centros de traballo.

    Segundo o sindicato, a situación arrástrase desde hai anos e «non houbo mellora ningunha» desde o cambio á fronte de Correos o pasado mes de decembro. De feito, o pasado venres, a unidade de repartición (UR) de Arcade tiña pendentes de sacar a distribuír máis de 800 notificacións administrativas, situación que se repetía a mañá deste luns. Hai máis de dous anos, o persoal do centro, xunto con CCOO, protagonizou unha mobilización para denunciar o recorte dun posto de traballo nos servizos rurais de Ponte Sampaio.

    Así as cousas, CCOO acusa a Correos de «incumprir de forma consciente e continuada» as obrigas de prestación do servizo público postal en moitas zonas da provincia de Pontevedra. Recentemente, a empresa decidiu modificar o horario laboral, atrasando en media hora a entrada do persoal da quenda de tarde, «o que provocou o noso rexeitamento absoluto e malestar no persoal» ante unha medida «que castiga novamente as zonas rurais».