Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 27 Abril 2024.

O comité de Alcoa esíxelles ás Administracións unha «saída definitiva»

    O comité de Alcoa-San Cibrao esixiulles ao Goberno de España e á Xunta de Galicia a convocatoria urxente da mesa de seguimento para lograr unha «saída definitiva» ante a situación da planta. Tras esta petición, o Executivo central procedeu a convocar a dita xuntanza para o vindeiro 21 de marzo.

    06/03/2024.
    Pancarta esixindo solucións para Alcoa San Cibrao | Fonte: Arquivo CCOO

    Pancarta esixindo solucións para Alcoa San Cibrao | Fonte: Arquivo CCOO

    O presidente do comité, José Antonio Zan (CCOO), criticou que a convocatoria da mesa leva «tres semanas de atraso» respecto da data inicialmente prevista. Nese tempo, Alcoa «cada vez manda unhas mensaxes máis claras» da súa falta de compromiso respecto do futuro da planta da Mariña.

    Para esta semana, Alcoa prevé ter 16 cubas en funcionamento, dentro do proceso de rearranque gradual que permitiu recuperar a produción de aluminio primario após dous anos de parada. O acordo asinado cos traballadores e traballadoras implica ter 32 cubas funcionando o 1 de abril e ir ampliando ata estar a pleno funcionamento no outono do 2025.

    Por outra banda, Alcoa anunciou a semana pasada un acordo para facerse co accionariado de Alumina Limited, propietaria do 40 % da planta de alumina. Precisamente, o comité pide tamén unha reunión de seguimento no tocante a esta factoría, que leva desde novembro sen xuntarse malia que estaba acordado que os encontros fosen mensuais.