Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 28 Abril 2024.

Folga os días 14 e 15 de marzo na sanidade privada da provincia da Coruña

    O persoal da sanidade privada da provincia da Coruña irá á folga os días 14 e 15 de marzo. Así o anunciaron o martes, nunha conferencia de prensa conxunta, representantes de CCOO, CIG e UGT.

    06/03/2024.
    Concentración do persoal da sanidade privada da provincia da Coruña

    Concentración do persoal da sanidade privada da provincia da Coruña

    O calendario de mobilizacións comezou este mércores, día 6 de marzo, cunha protesta no Hospital Quirón da Coruña. As próximas accións serán o 20 de marzo no Juan Cardona de Ferrol, ás 10:00 h; o 25 de marzo no HM Esperanza de Santiago, tamén ás 10:00 horas; o 3 de abril, á mesma hora no HM Modelo; o 11 de abril, ás 11:00 h na Rosaleda; o 23 de abril, as 10:00 h novamente no Cardona; o 2 de maio as 11:00 horas, manifestación desde o Hospital San Rafael; o 8 de maio ás 10:00 horas, na Robleda e tamén manifestación, o 22 de maio, ás 10:00 horas, no Hospital Belén.

    Así mesmo, os tres sindicatos convocan folga os días 14 e 15 de marzo, mais tamén para os meses de abril e maio; en concreto, do 15 ao 17 de abril e do 13 ao 16 de maio.

    Liñas vermellas

    Na negociación do convenio, a patronal non inclúe tres aspectos que os sindicatos consideran unha «liña vermella»: que non retire o sistema de trienios, que se modifique a retribución das baixas e que se paguen os domingos. Tamén reclaman unha nova xornada anual que se adapte á media do Estado no sector e que se actualicen as táboas salariais.

    Dada a falta de actitude negociadora por parte das empresas, os sindicatos instan a Xunta de Galicia a interceder, xa que case a metade do negocio do sector depende dos concertos coa Administración autonómica. Iria Estévez, responsable de Sanidade Privada de CCOO, lembrou que se lle entregou un escrito ao Sergas «para que mediase». Tamén sinalou que os sindicatos van recorrer os servizos mínimos decretados pola Xunta para a folga, por entender que están pensados desde unha postura «de parte» das empresas.