Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Abril 2024.

O alcalde de Pontevedra prohíbelles aos bombeiros conmemorar a festividade do patrón nas dependencias municipais

    Aduce que «non se dan as circunstancias para a celebración» e que «non se autoriza a realización de eventos que non organice o Concello nas instalacións municipais».

    06/03/2024.
    Eva Villaverde, Concelleira de Bombeiros no Parque de Pontevedra

    Eva Villaverde, Concelleira de Bombeiros no Parque de Pontevedra

    O vindeiro venres, 8 de marzo, coincidindo co Día Internacional da Muller Traballadora, ten lugar a onomástica de San Juan de Dios, patrón dos bombeiros, acto que se celebra ano tras ano dende hai décadas no parque de bombeiros.

    O ano pasado, esta celebración estivo marcada polas protestas do persoal do servizo de extinción de incendios, que viña reivindicando, non melloras laborais, senón o respecto por parte do Concello de Pontevedra aos dereitos laborais que tiñan adquiridos.

    Para evitar que esta situación se repita, en lugar de acometer os problemas de fondo, o Goberno municipal opta por eliminar os actos de celebración dese día. Ademais, prohíbelles aos traballadores do corpo a conmemoración da festividade nas dependencias municipais, aducindo que «non se dan as circunstancias para a celebración do patrón» e que «non se autoriza a realización de eventos que non organice o Concello nas instalacións municipais».

    A Xunta de Persoal do Concello (CCOO, CIG, CNT, CSIF, SPPME e UGT) pon de manifesto que «este tipo de celebracións, que xiran arredor de colectivos profesionais, só son do interese do grupo de goberno na medida en que este sexa o protagonista principal, importándolle pouco as condicións laborais, a calidade do servizo ou, como neste caso, a seguridade de traballadores e cidadanía, que son os principais prexudicados pola mala xestión deste Goberno.

    Afirman os delegados e delegadas, en referencia ao Goberno municipal, que «se a “festa” non é para eles non é para ninguén, e así o demostran impedindo a celebración en dependencias municipais a un colectivo que, polas peculiaridades do seu traballo, só podería acudir no caso de celebrarse no parque de bombeiros».

    Sentenzan ao final do comunicado: «Isto é un desplante máis que se fai ao persoal municipal en xeral, e aos bombeiros en particular, que se engade á longa lista de agravios e arbitrariedades que veñen padecendo».