Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 20 Abril 2024.

Dolores Fernández Galiño: «O feminismo é unha revolución do pensamento equiparable á que supuxo o Renacemento hai cincocentos anos»

    A pasada fin de semana, o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia e a Fundación 10 de Marzo de CCOO entregaron os Premios 10 de Marzo. Unha das galardoadas nesta edición foi María Dolores Fernández Galiño.

    07/03/2024.
    Intervención de Dolores Fernández Galiño ao recoller o Premio 10 de Marzo

    Intervención de Dolores Fernández Galiño ao recoller o Premio 10 de Marzo

    Esta maxistrada, actualmente Valedora do Pobo de Galicia, atesoura unha ampla traxectoria profesional caracterizada polo seu compromiso feminista. Co gallo do premio entregado polo sindicato e co horizonte posto no 8M, conversamos con ela sobre os retos que afrontan as traballadoras, a revolución que representa o feminismo e o camiño que aínda queda por andar na loita pola igualdade.

    — A súa traxectoria evidencia un constante compromiso feminista. Cando e como chegou vostede ao feminismo?

    O ideal da igualdade entre mulleres e homes tíveno sempre, aínda que non tiña conciencia de ser feminista. Cando empezas a ler, a falar e a compartir con outras persoas sobre feminismo, é cando tomas conciencia de que es feminista e que, sen sabelo, o fuches sempre.

    Pola toma de conciencia creo que pasamos todas e todos os que nos consideramos feministas. Noutras épocas era máis difícil, porque nin nas escolas nin nos institutos se ensinaba o que era, non había acceso ás lecturas de pensamento feminista e, socialmente, ser feminista incluso estaba mal visto. Polo tanto, e coma outras mulleres e homes da miña xeración, tiven que tomar conciencia por min mesma. Agora, o coñecemento do ideario feminista está máis ao alcance das novas xeracións, pero sempre hai que pasar por un proceso de toma de conciencia que seguramente cadaquén vincula á súa propia experiencia.

    — O marco normativo español prohibe expresamente a discriminación por razón de xénero. Non obstante, as condutas discriminatorias persisten. Que cómpre mellorar?

    Na educación está a chave. Pero o problema é que quen nos educa —nais e pais, profesorado…— non sempre lle dá á igualdade a importancia que ten ou déixanse levar por estereotipos. Dicía a maxistrada Ginsburg que a igualdade se conseguiría cando as nais e pais dunha xeración enteira educasen en igualdade as súas fillas e fillos. E no momento actual nin sequera o profesorado está preparado porque nas súas carreiras universitarias a igualdade non adoita estar considerada.

    Cando estudei Dereito, non se falaba do feminismo nin unha soa liña nos temarios ou nos libros dos cinco cursos que tiña a carreira. Isto non significa que fiemos todo á educación, nin que os e as xuristas poidamos desentendernos. Ao contrario, a nosa tarefa é primordial para a igualdade. Queda moito por mellorar nas leis e na súa aplicación; nin de lonxe o mundo do Dereito é alleo aos valores patriarcais e aos prexuízos de xénero. Tamén para isto é moi necesaria a capacitación dos e das xuristas.

    — Vostede é maxistrada, unha profesión que historicamente estivo en mans de homes. Que barreiras tiveron que romper as mulleres na Xudicatura e vostede en particular?

    As mulleres estiveron excluídas da función de xulgar porque se consideraba que o seu xuízo era feble —pola ignorancia da cousa pública, que dicían os xurisconsultos romanos—, que non podían mesturarse en preitos de homes —así o dicían as Sete Partidas— e incluso que a mente feminina non estaba preparada para enfrontarse ás funcións xudiciais: en España permitiuse en 1963 que as mulleres fosen xuízas, pero só nas xurisdicións menores; foi en 1966 cando en España se lles permitiu ás mulleres ser xuízas con carácter xeral para todas as xurisdicións.

    Superada esta barreira legal, quedaban outras por salvar. A carreira xudicial estaba construída sobre un modelo de xuíz home —en boa medida, ségueo estando—, o que supoñía que no estatuto xudicial, por poñer algún exemplo notorio, non estaban regulados como era debido os dereitos de maternidade e de conciliación. É verdade que isto era así non só na carreira xudicial; pero tamén é certo que na carreira xudicial todos os avances acadados noutros ámbitos chegaron sempre con atraso e atrancos.

    Estas barreiras non son só legais, tamén as hai na práctica forense. Algunhas das situacións coas que as xuízas nos atopamos son anecdóticas, outras máis serias, pero demostrativas de que os prexuízos das leis históricas que nos prohibían ser xuízas, ou que construían o estatuto xudicial sobre o modelo dun xuíz varón, seguen vixentes na sociedade e aféctannos no exercicio do cargo. 

    — Pese a que as mulleres son lixeiramente maioría na carreira xudicial, a cúpula xudicial segue sendo cousa de homes. Por exemplo, no Tribunal Supremo, só unha de cada catro é muller e hai salas cunha única maxistrada. A que obedece isto e como se pode corrixir?

    Non é doado un diagnóstico das causas do teito de cristal na carreira xudicial. Unha explicación moi estendida é que as mulleres entraron hai pouco na carreira xudicial e aínda non lles deu tempo a chegar ao Tribunal Supremo. O Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) publica todos os anos na súa páxina web un informe demográfico da carreira xudicial e o publicado en xaneiro deste ano demostra que as maxistradas do TS teñen unha antigüidade media na carreira xudicial de 36,3 anos, mentres que os maxistrados a teñen de 30,3 anos. É dicir, ás maxistradas do Supremo custoulles unha media de seis anos máis de antigüidade chegar ao TS, co cal a explicación de que as mulleres chegaron hai pouco á carreira xudicial non explica de xeito completo o desfasamento existente entre homes e mulleres na cúpula xudicial.

    Algúns estudos apuntan a que a carreira xudicial segue tendo un traxe masculino, e iso dificulta que as mulleres asuman chegar ao TS co prexuízo na conciliación da súa vida persoal e familiar, en particular se vives fóra de Madrid. 

    Tamén se ten apuntado a tendencia á cooptación masculina, que fai que a masculinidade dos vogais do CXPX —que elixen os maxistrados e maxistradas do TS— opere inconscientemente e os leve a nomearen máis homes.

    Como digo, non é doado facer un diagnóstico, e probablemente haxa múltiples factores. E sen un diagnóstico, tampouco é fácil atopar unha solución. Seguramente, si son varias as causas e haxa que actuar tamén en diversos eidos, en particular facilitando a conciliación das persoas en cargos na cúpula xudicial e tamén introducindo medidas para equilibrar os nomeamentos.

    — Os datos revelan que a maioría das persoas que piden medidas de conciliación son mulleres. Nun artigo do 2020, vostede indicaba que as maxistradas tamén son maioría a se acoller a estas medidas con respecto aos seus compañeiros. Queda aínda moito camiño para feminizar a Xustiza?

    As medidas de conciliación son necesarias para feminizar a carreira xudicial, pero teñen que estar ben orientadas. Débese dar preferencia á conciliación de presenza baseada en apoderar no uso do tempo fronte á tradicional conciliación de ausencia baseada en permisos, reducións de xornada e excedencias. As medidas de conciliación non deben romper a carreira profesional, nin de cotizacións, nin posibilitar a desprofesionalización. En todo caso, as medidas de conciliación deben buscar a corresponsabilidade dos homes nos coidados. Non nos podemos esquecer dos homes na loita pola igualdade e, se o facemos, nunca conseguiremos acadar a igualdade. 

    — Cando se presentou a súa candidatura como Valedora do Pobo de Galicia, anunciou un decálogo que tiña como primeiro punto o feminismo. Por que motivo o elixiu como sinal de identidade para o novo cargo?

    O feminismo é unha revolución do pensamento equiparable á que supuxo o Renacemento hai cincocentos anos. O Renacemento puxo no centro o home, desprazando a Deus, que era o centro na sociedade teocrática medieval. O feminismo ensinounos que ese «home» non incluía as mulleres e a súa pretensión é poñer as mulleres no centro, xunto cos homes. É unha das maiores revolucións do pensamento acaecidas na historia da humanidade. Unha revolución do pensamento que xa ten dous séculos de vida, pero que non chegou a tomarse en serio ata as derradeiras décadas do século XX. No século XXI toca profundar nas ideas e seguir loitando para poñelas en práctica. 

    Cando presentei a miña candidatura á comisión de peticións para ser Valedora do Pobo, pensei que era a oportunidade de poñer en práctica as ideas e o coñecemento sobre a igualdade de mulleres e homes. Ademais, poñer no centro o feminismo era o máis coherente para potenciar os obxectivos que quería imprimirlle á institución, ata entón moi centrada nas queixas sobre as actuacións das Administracións públicas e, sen esquecer isto, a institución ten unha importante función como defensoría de dereitos humanos. De aí o decálogo que presentei, centrado nos dereitos humanos e cidadáns.

    — Como Valedora, nos últimos catro anos cales foron os principais problemas que pasaron polas súas mans que afectaban aos dereitos das mulleres?

    Que á fronte da institución estea unha persoa feminista ten incidencia cara a dentro e cara a fóra. Primeiro, que os prexuízos de xénero existentes na sociedade non se infiltren nos procesos resolutivos da institución. E segundo, que os prexuízos de xénero non prevalezan na sociedade, sendo proactivas e utilizando os poderes que as leis nos outorgan para iniciar investigacións de oficio.

    É importante cara a fóra que a persoa titular da institución sexa declaradamente feminista. A igualdade de sexo debe ser o alicerce de todas as políticas e actuacións dos poderes públicos e dos axentes sociais.

    Na institución temos unha área específica en materia de igualdade de xénero e temos tamén un enfoque transversal. Temos temas en materia de vivenda, conciliación, acceso á xustiza, enfermidades feminizadas, funcionamento do dispositivo de control de medidas de afastamento, violencia económica, familias monomarentais... Son moi variados os asuntos que levamos relativos á igualdade de xénero, tanto na área específica como de xeito transversal.