Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Abril 2024.

Carta dos homes de CCOO pola igualdade e contra a violencia cara ás mulleres

    Os homes que asinamos esta carta somos conscientes de que na sociedade en que vivimos existe unha manifesta desigualdade nas relacións e na repartición do poder entre mulleres e homes. Como consecuencia, os homes temos determinados privilexios: gozamos de máis tempo de lecer, ocupamos a maior parte do espazo público e beneficiámonos do traballo doméstico e de coidados que realizan maioritariamente as mulleres.

    08/03/2024.
    Temas
    Carta dos homes de CCOO pola igualdade

    Carta dos homes de CCOO pola igualdade

    Porén, esta forma de organización social aféctanos negativamente e non nos satisfai o modelo de home tradicional e machista que temos como referente social na construción da nosa identidade. Consideramos que esta situación debe cambiar por xustiza, porque as mulleres teñen os mesmos dereitos ca nós, os homes, e porque se trata de dereitos humanos e o cambio será bo para toda a sociedade.

    Daquela, asumimos o compromiso persoal e colectivo de participar na construción dunha sociedade igualitaria, na que mulleres e homes gocemos dos mesmos dereitos e oportunidades e na que as achegas e necesidades dunhas e outros sexan valoradas por igual.

    Por iso, comprometémonos a:

    — Reivindicar e apoiar xunto ás mulleres a súa loita contra todo tipo de discriminación sexista; en especial, a manifestarmos o noso rexeitamento á violencia machista facendo unha denuncia pública e activa destas condutas e non consentíndoas no noso círculo persoal e laboral.

    — Defender a igualdade laboral, traballando para levar a cabo as accións dos plans de igualdade, dos protocolos de acoso e eliminando calquera tipo de micromachismo.

    — Reformularnos as experiencias e actitudes, os valores e comportamentos cotiáns sexistas que sosteñen esta sociedade desigual, ao tempo que animamos e acompañamos a outros homes neste camiño de cambios persoais e sociais.

    — Asumir de xeito igualitario o traballo doméstico e os coidados doutras persoas, non só como parte da nosa responsabilidade, senón do noso crecemento como individuos e, en particular, a usarmos os permisos, excedencias e reducións de xornada para o coidado. Ter a corresponsabilidade por bandeira.

    — Desterrar o uso e a lexitimación da violencia como xeito de solucionar os problemas e buscar formas pacíficas e dialogadas de tratar e resolver as situacións conflitivas en que nos atopemos.

    Os homes de CCOO de Galicia consideramos que a firme aposta pola igualdade real debe ser o noso compromiso como homes do século XXI. Querémola e necesitámola para construír unha sociedade máis xusta, integrada por persoas máis libres, máis autónomas e máis felices.

    Co gallo do 8 de Marzo do 2024, asinamos esta carta dirixida á sociedade galega, na que afirmamos o compromiso feminista deste Sindicato por un mercado de traballo e unha sociedade equitativos.

    Asinado:

    • Antonio Millares Jorge - Comisión Executiva Nacional
    • Anxo Muñiz Iglesias - Federación do Ensino
    • Armando Iglesias Rodríguez - Comisión Executiva Nacional
    • Cristóbal González Triñanes - Unión Comarcal da Coruña
    • Demetrio A. Vázquez Martínez - Unión Comarcal da Coruña
    • Javier González Castro - Federación de Sanidade
    • Joaquín García Gutiérrez - U. I. de Santiago-Barbanza
    • José Cazón Lamas - Federación de Servizos á Cidadanía
    • José Francisco Mirás Pérez - U. I. de Santiago-Barbanza
    • José Luis García Pedrosa - Unión Comarcal de Pontevedra
    • José Manuel Ramos Varela - Fed. de Servizos á Cidadanía
    • Juan Fernando Bao Hernández - Unión Comarcal de Arousa
    • Juan Zas Candame - Federación de Servizos
    • Justo Suárez Cuquejo - Federación de Industria
    • Luis Rodas García - Hábitat
    • Manuel Quiñoá Dacal - Unión Comarcal de Lugo
    • Ricardo Óscar Santos Reiriz - Hábitat
    • Roberto Manuel Garrido Martínez - U. I. de Ourense
    • Samuel Paz Castrillo - Unión Comarcal da Coruña
    • Xesús A. Castro Baamonde - Comisión Executiva Nacional
    • Xoán Carlos Aneiros Rico - Fed. de Pensionistas e Xubilados

    * Os asinantes son membros do Consello Nacional de Comisións Obreiras de Galicia