Carta dos homes de CCOO pola igualdade
Porén, esta forma de organización social aféctanos negativamente e non nos satisfai o modelo de home tradicional e machista que temos como referente social na construción da nosa identidade. Consideramos que esta situación debe cambiar por xustiza, porque as mulleres teñen os mesmos dereitos ca nós, os homes, e porque se trata de dereitos humanos e o cambio será bo para toda a sociedade.
Daquela, asumimos o compromiso persoal e colectivo de participar na construción dunha sociedade igualitaria, na que mulleres e homes gocemos dos mesmos dereitos e oportunidades e na que as achegas e necesidades dunhas e outros sexan valoradas por igual.
Por iso, comprometémonos a:
— Reivindicar e apoiar xunto ás mulleres a súa loita contra todo tipo de discriminación sexista; en especial, a manifestarmos o noso rexeitamento á violencia machista facendo unha denuncia pública e activa destas condutas e non consentíndoas no noso círculo persoal e laboral.
— Defender a igualdade laboral, traballando para levar a cabo as accións dos plans de igualdade, dos protocolos de acoso e eliminando calquera tipo de micromachismo.
— Reformularnos as experiencias e actitudes, os valores e comportamentos cotiáns sexistas que sosteñen esta sociedade desigual, ao tempo que animamos e acompañamos a outros homes neste camiño de cambios persoais e sociais.
— Asumir de xeito igualitario o traballo doméstico e os coidados doutras persoas, non só como parte da nosa responsabilidade, senón do noso crecemento como individuos e, en particular, a usarmos os permisos, excedencias e reducións de xornada para o coidado. Ter a corresponsabilidade por bandeira.
— Desterrar o uso e a lexitimación da violencia como xeito de solucionar os problemas e buscar formas pacíficas e dialogadas de tratar e resolver as situacións conflitivas en que nos atopemos.
Os homes de CCOO de Galicia consideramos que a firme aposta pola igualdade real debe ser o noso compromiso como homes do século XXI. Querémola e necesitámola para construír unha sociedade máis xusta, integrada por persoas máis libres, máis autónomas e máis felices.
Co gallo do 8 de Marzo do 2024, asinamos esta carta dirixida á sociedade galega, na que afirmamos o compromiso feminista deste Sindicato por un mercado de traballo e unha sociedade equitativos.
Asinado:
- Antonio Millares Jorge - Comisión Executiva Nacional
- Anxo Muñiz Iglesias - Federación do Ensino
- Armando Iglesias Rodríguez - Comisión Executiva Nacional
- Cristóbal González Triñanes - Unión Comarcal da Coruña
- Demetrio A. Vázquez Martínez - Unión Comarcal da Coruña
- Javier González Castro - Federación de Sanidade
- Joaquín García Gutiérrez - U. I. de Santiago-Barbanza
- José Cazón Lamas - Federación de Servizos á Cidadanía
- José Francisco Mirás Pérez - U. I. de Santiago-Barbanza
- José Luis García Pedrosa - Unión Comarcal de Pontevedra
- José Manuel Ramos Varela - Fed. de Servizos á Cidadanía
- Juan Fernando Bao Hernández - Unión Comarcal de Arousa
- Juan Zas Candame - Federación de Servizos
- Justo Suárez Cuquejo - Federación de Industria
- Luis Rodas García - Hábitat
- Manuel Quiñoá Dacal - Unión Comarcal de Lugo
- Ricardo Óscar Santos Reiriz - Hábitat
- Roberto Manuel Garrido Martínez - U. I. de Ourense
- Samuel Paz Castrillo - Unión Comarcal da Coruña
- Xesús A. Castro Baamonde - Comisión Executiva Nacional
- Xoán Carlos Aneiros Rico - Fed. de Pensionistas e Xubilados
* Os asinantes son membros do Consello Nacional de Comisións Obreiras de Galicia