Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 28 Abril 2024.

Concentración en Santiago de Compostela por un convenio digno no sector da discapacidade

    CCOO convocou este martes unha concentración en toda España (en Galicia, en Santiago de Compostela) para denunciar a actitude inmobilista das patronais do sector e a falta de resposta ás propostas formuladas na negociación do XVI Convenio Colectivo de Centros e Servizos de Atención a Persoas con Discapacidade. Case tres anos despois de iniciadas as negociacións, estas continúan en punto morto.

    12/03/2024.
    Concentración do sector da discapacidade fronte á sede da CEG (12/3/2024)

    Concentración do sector da discapacidade fronte á sede da CEG (12/3/2024)

    A negativa sistemática das organizacións patronais presentes na Mesa Negociadora a cumpriren co disposto no artigo 32.1 do Convenio Colectivo sobre a revisión salarial que se acordou para 2022 obrigou a Federación de Ensino de CCOO a interpoñer conflito colectivo ante a Audiencia Nacional e a convocar mobilizacións no sector durante o último trimestre dese ano, coincidindo coas negociacións do XVI Convenio Colectivo.

    A sentenza da Audiencia Nacional estimou totalmente as pretensións do sindicato, recoñecendo o dereito do persoal que presta servizos nos centros de atención especializada e nos centros especiais de emprego, incluídos no ámbito funcional do convenio colectivo, á revisión dos salarios nos termos indicados no citado artigo. A decisión supuxo un pao á actitude inmobilista e belixerante das patronais do sector e a súa aposta por pasar polos tribunais, obrigándoos a efectuar as actuacións precisas para a actualización das táboas salariais.

    Despois de máis dun ano de negociacións desde a sentenza, a patronal volve bloquear a negociación do resto de condicións laborais coa mesma actitude e intransixencia de entón. Nun sector de marcado carácter social, no que as persoas traballadoras, formadas e cualificadas, representan o maior valor que teñen as entidades, as que permiten visibilizar o sector da discapacidade na sociedade e sobre as que pivota o principal apoio con que contan as persoas usuarias, o sindicato chama á mobilización ante a falta de avances na mellora das condicións laborais das máis de 200 000 persoas traballadoras ás que dá cobertura o convenio colectivo.

    As organizacións patronais alardean do seu compromiso coa creación dun marco de relacións laborais xusto que lles permita aos e ás profesionais do sector traballar nun contexto de recoñecemento e calidade adecuados, que redunde na mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade.

    Pero a realidade é que as condicións laborais actuais non se axustan nin ao compromiso, nin á calidade, nin ao recoñecemento do esforzo que realizan as persoas traballadoras nos seus centros. A elevada rotación de persoal nas empresas e entidades do sector, xunto coa falta de profesionais en determinados postos de traballo, por mor dos baixos salarios e a precariedade do resto de condicións, non parecen ser motivos suficientes para que as patronais fagan unha aposta inequívoca en defensa do sector.

    CCOO vai ser moi belixerante se o modelo de emprego que propoñen pretende pivotar sobre a precariedade laboral e avisa de que, se a situación actual se estanca, o conflito trasladarase aos centros de traballo.

    Por todo iso, CCOO fai un chamamento ao conxunto das persoas traballadoras, persoas usuarias e familias para que participen nas concentracións convocadas para o próximo 12 de marzo en defensa dunha negociación real que permita abordar e solucionar os problemas que lles afectan no día a día.