Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Maio 2024.

No Día da Clase Obreira Galega, CCOO rendeu homenaxe á memoria histórica na rúa 10 de Marzo de Vigo

    As Comisións Obreiras naceron en moitos sitios coma os cogomelos porque era o máis natural que facían os traballadores e as traballadoras nunha empresa: crear una comisión para ir falar co xefe (*).

    13/03/2024.
    Homenaxe de CCOO na rúa 10 de Marzo de Vigo

    Homenaxe de CCOO na rúa 10 de Marzo de Vigo

    E parte das actuais Comisións estamos hoxe aquí, na rúa 10 de Marzo, 52 anos despois dos asasinatos en Ferrol «porque hay olvidos que queman y hay memorias que engrandecen...» como dicía o escritor uruguaio Alfredo Zitarrosa.

    Nós non queremos esquecer que houbo unha ditadura fascista que acabou coas liberdades e machucou os dereitos da clase traballadora e da cidadanía.

    E que, en Ferrol, entre 4000 e 6000 traballadores do estaleiro de Bazán comezaran un paro indefinido o día 9 de marzo co motivo do despedimento de seis compañeiros polas protestas e asembleas que se estaban producindo contra o convenio laboral aprobado en Madrid, que non incluía as demandas dos traballadores de Bazán.

    Ese despedimento de seis membros do comité de empresa desencadea unha folga para pedir a súa readmisión.

    O día 10 de marzo produciuse unha carga policial brutal contra os obreiros que saían de Bazán que deixou decenas de feridos e dous mortos: Amador e Daniel.

    E nesa parte de «memorias que engrandecen», como di Alfredo Zitarrosa, queremos situar a Daniel, a Amador e os compañeiros e compañeiras que continuaron coa loita político-social contra a ditadura, con gran cantidade de accións, de mobilizacións, de folgas xerais, parciais… ata conseguir un Estado social, democrático, de benestar, liberdade e igualdade, e a fin da ditadura.

    Debemos poñer en valor o papel das Comisións Obreiras como organizadoras e dirixentes desas mobilizacións.

    52 anos despois, a dereita acadou un gran poder en municipios e autonomías, en moitos casos da man da ultradereita, e coa maioría dos poderes xudiciais, económicos e mediáticos lanzando mensaxes curtas do tipo: hai que baixar impostos, España rompe, os inmigrantes invádennos ou liberdade ou comunismo.

    Buscan volver ás políticas ultraliberais, de baixada de impostos aos ricos, de traballos precarios, de recortes sociais, de estragos medioambientais, de patriarcado machista ou de negación da memoria histórica.

    Hoxe lembramos as loitas do 72 e a memoria de Amador e Daniel, pero tamén renovamos o compromiso de seguir loitando polo aumento das pensións, do salario mínimo, do traballo estable, da igualdade efectiva entre homes e mulleres, do medio ambiente…; e denunciar e esixir a fin de accións como o xenocidio do pobo palestino por parte de Israel.

     

    Quero rematar este acto de MEMORIA, VERDADE e XUSTIZA cun poema de 

    Álvaro Yunque (historiador e poeta arxentino)

     

    Todo pasa Todo pasa: Glorias, muertes,

    revoluciones, miserias,

    líderes, credos, proclamas,

    martirios, héroes, poetas,

    odios, fracasos, victorias,

    fes, entusiasmos, ideas,

    desolaciones, tiranos, 

    hazañas, cruces, banderas,

    maquinarias, tradiciones,

    gritos, puños,

    sables, fechas,

    ruegos, himnos... ¡Todo pasa!

    Todo pasa, el pueblo queda.

     

    Viva a clase obreira!

    Viva o 10 de Marzo!

    Vivan as Comisións Obreiras!


    (*) Intervención da secretaria xeral da Unión Comarcal de CCOO de Vigo, Montserrat Carrera Leirós