Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 9 Outubro 2024.

CCOO reúnese con profesionais do traballo social dos concellos e trasladaralle á FEGAMP as súas reivindicacións

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia reuniuse este xoves con profesionais do traballo social de diferentes concellos de Galicia para coñecer máis de preto o seu día a día e as dificultades con que se atopan. Desde CCOO amosaron unha «total coincidencia» en cualificar de «dramática» a situación dos servizos sociais.

    14/03/2024.
    Reunión de CCOO con profesionais do traballo social dos concellos de Galicia

    Reunión de CCOO con profesionais do traballo social dos concellos de Galicia

    Por esta razón, o sindicato comprometeuse a facer chegar «as súas xustas reivindicacións» á Federación Galega de Municipios de Provincias (FEGAMP) coa intención de «fixar unha folla de ruta para solucionar os distintos problemas detectados».

    Este colectivo, explica CCOO, padece unha «intolerable» precariedade laboral, así como «un elevado risco psicosocial» cuxa raíz se atopa na falta de recursos humanos e materiais para o correcto desenvolvemento do seu traballo.

    «Este feito xa o vimos denunciando hai anos», explica a secretaria de Política Social de CCOO, Maica Bouza. A sindicalista lamenta que en España houbo unha «descentralización do gasto cara aos Concellos, pero non se descentralizaron os ingresos», o que produce «claras disfuncións».

    CCOO defende uns servizos públicos que conten con financiamento e persoal abondos para que as persoas usuarias reciban uns servizos de calidade, «pero isto non será posible se os traballadores e traballadoras non teñen unhas condicións laborais dignas».

    Un colectivo feminizado

    Esta reunión chega case unha semana despois do 8M, razón pola que CCOO lembra que todas as reivindicacións do sindicato con motivo desta data «son perfectamente aplicables ás traballadoras dos servizos sociais de Galicia, un colectivo moi feminizado».