Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Abril 2024.

CCOO fai un chamamento a apoiar a «loita pola dignidade» do sector da dobraxe na manifestación do domingo en Santiago

    Comisións Obreiras (CCOO) fai un chamamento a apoiar a «loita pola dignidade» do sector da dobraxe, que ten convocada unha manifestación en Santiago de Compostela o próximo domingo, 17 de marzo. A marcha partirá ás 12 horas da Alameda, convocada por Artistas da Dobraxe e os sindicatos CCOO, CIG e UGT. Comisións lembra que este sector dá emprego directo a unhas trescentas persoas, entre actores e actrices de dobraxe, produción e persoal técnico, cuxas condicións regulan un convenio colectivo e táboas salariais que datan do 2006 «e por riba non se cumpren», denuncia Teté Pérez, voceira de CCOO.

    15/03/2024.
    Loita do sector da dobraxe por un convenio xusto

    Loita do sector da dobraxe por un convenio xusto

    No caso dos actores e actrices, a principal reivindicación é que se cumpra o acordado, que é cando menos o recollido nas tarifas do ano 2006. «Actualmente estanse a cumprir na dobraxe en galego, pero na dobraxe en castelán está xeneralizado o incumprimento», sinala Teté Pérez.

    Canto ao persoal técnico, unha das queixas máis frecuentes é a inestabilidade laboral, así como a fraude na contratación. «Xa hai diversas demandas contra o uso abusivo dos contratos artísticos para este tipo de persoal, que aínda se están a facer malia as restricións establecidas na última reforma laboral», explica a sindicalista.

    CCOO e o resto de organizacións que convocan a manifestación reivindican que o cumprimento íntegro do convenio é un primeiro paso na loita pola dignidade do sector, pero o seguinte paso é actualizar o convenio e as «obsoletas» táboas salariais «para adecualas á realidade do 2024».