Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Maio 2024.

Conversas Sindicais: Vitrasa

    Na defensa da calidade do transporte público urbano de Vigo e dun convenio xusto para as persoas traballadoras de Vitrasa, falamos con Noli Núñez da Sección Sindical de CCOO en Vitrasa e con Benigno Caride, secretario comarcal FSC-Vigo.

    27/03/2024.

    URL | Código para insertar

    RESOLUCIÓN DO CONSELLO NACIONAL DE CCOO DE GALICIA (1 de febreiro do 2024)

    O Consello Nacional de Comisións Obreiras de Galicia, reunido o 1 de febreiro en Santiago de Compostela, denuncia a situación que está a sufrir o persoal de Viguesa de Transportes (Vitrasa) na defensa dos seus dereitos laborais, como consecuencia da intransixencia da empresa e da inacción e falta de capacidade negociadora do Concello de Vigo.

    Este conflito, que xa leva enquistado demasiado tempo, está a xerar entre os traballadores e traballadoras unha grande inquedanza, tanto no plano laboral como no persoal e familiar. O persoal que traballa na concesionaria do transporte público de Vigo leva máis de sesenta e cinco días en folga indefinida.

    É deplorable a actitude da empresa, que se nega a acceder de forma negociada ás reivindicacións das persoas traballadoras, nunha clara estratexia de trasladar este conflito —e, sobre todo, as súas consecuencias— aos usuarios e usuarias do servizo público. O obxectivo é claro: que a opinión pública tome postura contra o persoal de Vitrasa, facéndoo exclusiva e inxustamente responsable da situación.

    Comisións Obreiras, xunto ao comité de empresa, segue apostando pola vía da negociación; Mobility ADO —matriz de Vitrasa—, pola vía da imposición; e o Concello, pola inacción. Isto fai prever a continuidade da conflitividade en Vitrasa ao longo do ano, o que sen dúbida afectará a vida da cidade.

    O Consello do Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia quere expresar todo o apoio e a solidariedade ás traballadoras e traballadores de Vitrasa nas súas reivindicacións e fai un chamamento á afiliación, así como ao conxunto de traballadores e traballadoras de Vigo e a súa área de influencia, a que participen nas mobilizacións que se leven a cabo para a resolución deste conflito laboral.

    Só hai un responsable das consecuencias deste longo conflito: a dirección do Grupo Avanza-Mobility ADO, polo bloqueo do convenio colectivo, os despedimentos e os abusos laborais. Non podemos esquecer que o Goberno local de Vigo pode e debe asegurar que a empresa concesionaria sexa capaz de xestionar un servizo público esencial, sen que iso se faga á custa de precarizar as condicións de traballo do persoal e sen recortes na mobilidade da poboación.

    Dende CCOO manifestamos a nosa disposición a colaborar coas partes para alcanzar un acordo no menor tempo posible.