Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 1 Maio 2024.

Alerta pola indefensión das auxiliares de axuda no fogar no Concello de Castroverde, ante as acusacións falsas de persoas usuarias

    CCOO Hábitat solicita que, así como emitiu un comunicado para desmentir que a investigada fose a traballadora social do Concello, emita un novo comunicado no que anuncie a retirada da denuncia e a falsidade dos feitos imputados á auxiliar de axuda o fogar.

    29/03/2024.
    A formación e información evitaría denuncias sen fundamento, nin probas.

    A formación e información evitaría denuncias sen fundamento, nin probas.

    CCOO lamenta a desprotección por parte de empresas e administracións e a falta de información ás familias.

    O último caso acontecido en Castroverde (Lugo) súmase ao longo goteo de falsas acusacións de roubo por parte de persoas usuarias, en moitas ocasións motivadas polas enfermidades que padecen. Son xa moitos os casos en que as auxiliares son acusadas de roubos dentro dos domicilios e acaban sendo retiradas as denuncias cando as familias atopan os cartos ou obxectos.

    As administracións deben alertar das características de certas enfermidades, que en ocasións fan que as persoas usuarias acusen as traballadoras ou familiares de apropiarse de cartos e obxectos. Esta formación e información evitaría denuncias sen fundamento nin probas por parte de familiares.

    Dende CCOO Hábitat Galicia solicítase o máximo rigor por parte das empresas, administracións e medios de comunicación.

    No último caso acontecido en Castroverde, anunciaron que fora a traballadora social do concello, marcando a unha traballadora, aínda que rapidamente o propio Concello saíu a desmentilo; o certo é que, aclarado o tema, acúsase a unha auxiliar de axuda o fogar. O Concello de Castroverde acaba de anunciar que apareceron os cartos no propio domicilio e a familia retirou a denuncia, pero en ningún momento se piden as mínimas desculpas nin se repara o dano causado á auxiliar falsamente acusada.

    CCOO apoiou e asesorou dende o primeiro momento a auxiliar afectada dándolle apoio xurídico, aínda que consideramos que ante o aumento de falsas denuncias, deben ser as propias empresas as que teñan un gabinete de defensa das súas traballadoras.

    CCOO considera inadmisible que as empresas non defendan as súas traballadoras, que teñen que soportar gastos de avogados e procuradores ao ser procesos penais, sen que ninguén lles dea apoio.