Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 3 Maio 2024.

CCOO convoca o Comité de Dirección Nacional de Galicia tras o debate aberto polo proxecto industrial de Altri en Palas de Rei

    A Comisión Executiva do Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia convoca o próximo 11 de abril o Comité de Dirección Nacional, integrado polos responsables das federacións nacionais e das unións comarcais e intercomarcais, co obxecto de planificar a postura e folla de ruta da organización en relación co proxecto industrial estratéxico (PIE) da sociedade Greenfiber, S. L. (Altri) no concello lugués de Palas de Rei.

    02/04/2024.
    A fábrica está proxectada para a súa instalación no concello lugués de Palas de Rei

    A fábrica está proxectada para a súa instalación no concello lugués de Palas de Rei

    Como recollen os estatutos aprobados no 12.º Congreso do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia: «A independencia do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia exprésase e garántese, fundamentalmente, por medio do máis amplo exercicio da democracia e da participación dos traballadores e traballadoras na vida interna do sindicato».

    O funcionamento democrático de todos os órganos do Sindicato Nacional e o respecto ás decisións acordadas pola maioría son a base desta independencia e o que nos caracteriza como sindicato de clase. O Sindicato Nacional de CCOO asume as súas responsabilidades e articula a súa liña de acción con independencia dos poderes económicos, do Estado, da comunidade autónoma e as súas institucións, dos partidos políticos e de calquera outro interese alleo aos seus fins.

    Neste sentido, CCOO orienta a súa actividade ao exercicio efectivo do dereito de todos os traballadores e traballadoras a un emprego estable e con dereitos, para acadar a súa integración social e laboral e, en especial, dos colectivos e territorios máis desfavorecidos, sen que isto poña en risco a protección do medio ambiente e a consecución dun modelo de desenvolvemento sostible.

    CCOO vén demandando unha aposta inequívoca pola economía sostible baseada na eficiencia enerxética e as posibilidades de xeración de empregos verdes, se se aplican as políticas adecuadas, contando para isto coa participación dos axentes sociais neste proceso.

    Non se pode prescindir da creación de novos proxectos industriais para o cambio de modelo enerxético e produtivo que necesita Galicia. Este cambio require reforzar a aposta polas enerxías renovables, mellorar os apoios e a seguridade dos investimentos das empresas —o que contribuirá a desenvolver a capacidade tecnolóxica e a industria—, así como reforzar os medios para desenvolver políticas de prevención do risco químico e elaborar unha estratexia de química sostible ou química verde, baseada na protección da saúde e na substitución de determinadas substancias máis perigosas.

    Debe establecerse unha estratexia integrada para a produción industrial limpa, baseada na prevención da contaminación, na xeración de menos residuos, e debe potenciarse o desenvolvemento rural a partir da xestión sostible dos recursos naturais e dos bosques, incluído o aproveitamento enerxético da biomasa.