Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 30 Abril 2024.

A afiliación en Galicia medra menos que no Estado e segue sen superar os mínimos históricos

    Os datos do paro rexistrado en Galicia, coñecidos hoxe, indican que en marzo se reduciu en 1572 persoas, un 1,2 % —coma no conxunto do Estado— e a afiliación á Seguridade Social, tomando o dato do último día do mes, rexistra unha suba de 10 429 afiliados e afiliadas (0,99 %); porén, considerando a afiliación media mensual, esta sobe en 6577 persoas (0,62 %).

    02/04/2024.
    Oficina do Servizo Público de Emprego

    Oficina do Servizo Público de Emprego

    O desemprego redúcese tanto nos homes (–296) coma nas mulleres (–1276). Con todo, malia a maior baixada do desemprego feminino, seis de cada dez persoas paradas son mulleres. Pola contra, o desemprego suma 24 mozos e mozas menores de 25 anos, mentres que entre as persoas maiores desa idade diminúe en 1596 desempregadas.

    No mes de marzo fixéronse 49 938 contratos en Galicia —0,68 % máis que en febreiro—, se ben o groso deles son temporais —32 280 fronte a 17 658 indefinidos—. Isto significa que no último mes aumentou un 3,5 % a contratación eventual, mentres que a de duración indeterminada retrocede un 3,12 %.

    Valoración positiva

    CCOO considera positivos os datos, pois reflicten unha baixada do número de persoas desempregadas e un incremento das que atopan emprego. Non obstante, as cifras tamén amosan a maior dificultade da economía galega para xerar emprego, ao contrario do que acontece no conxunto do Estado. Deste xeito, pese a que o paro diminúe igual en Galicia ca en España (–1,2 %), a afiliación medra menos, motivo polo cal non se chega na comunidade autónoma aos históricos rexistros previos á crise do 2008. No lado das sombras, hai que sinalar tamén o retroceso da contratación indefinida e que esta se manteña en porcentaxes inferiores á que se dá no conxunto do Estado.

    É por isto polo que CCOO insta o presidente da Xunta en funcións a «deixarse de preocupar pola política estatal e gobernar para resolver os problemas de Galicia, que son moitos, e o emprego é o principal dentro do seu marco de competencias».

    Análise por sexos e sectores

    En Galicia están no desemprego 54 659 homes (–296) e 74 352 mulleres (–1276). Seis de cada dez persoas paradas seguen sendo mulleres, malia a boa evolución do mercado laboral no último mes. Atendendo ás idades, hai 5313 persoas menores de 25 anos inscritas no Servizo Público de Emprego (+24) e 123 698 maiores desa idade (–1596).

    O paro diminúe en todos os sectores de actividade: no primario hai 68 persoas desempregadas menos, na industria 56, na construción 34 e 1510 nos servizos. No colectivo sen emprego anterior, o desemprego medra en 96 persoas.

    Análise da contratación

    En marzo rexistráronse en Galicia 49 938 contratos, dos cales 32 280 foron temporais e 17 658 indefinidos. O volume de contratos rexistrados en marzo foi un 0,68 % inferior ao do mes de febreiro: a contratación indefinida cae un 3,12 %, mentres que a temporal medra un 3,5 %. De cada 100 contratos rexistrados, 35 son indefinidos mentres que no Estado son 45 os indefinidos —como vén acontecendo nos últimos meses.

    Afiliación á Seguridade Social

    Canto á Seguridade Social, cos datos do último día de mes, a afiliación sobe en 10 429 persoas ata situarse en 1 063 271 afiliados e afiliadas; rexístrase un incremento do 0,99 % respecto do mes anterior, mentres que no Estado faino nun 0,93 %.

    A afiliación media mensual aumenta en 6577 persoas, o que sitúa o número de persoas traballadoras afiliadas en 1 061 595. Deste total, 838 100 corresponden ao réxime xeral, 204 848 ao de autónomos e 18 647ao réxime especial do mar. A afiliación media en Galicia increméntase un 0,99 % e no Estado un 1,35 %.

    Os réximes xeral e agrario absorben o groso do incremento da afiliación media: 6196 afiliados e afiliadas máis no último mes, dos que un 41,8 % corresponden a hostalería, un 10,9 % a actividades profesionais científicas e técnicas, un 10,9 % a sanidade e un 9,1 % a educación.

    Prestacións por desemprego

    En febreiro cobraron algún tipo de prestación por desemprego 88 861 persoas: 42 660 prestacións contributivas e 46 201 subsidios.

    En relación cos ERTE, este mecanismo daba cobertura a 948 persoas a final do mes, das cales 635 estaban en ERTE ETOP e 313 en ERTE de forza maior. Do total de persoas afectadas, 621 son homes e 327mulleres.