Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Maio 2024.

Conversas sindicais: CCOO Fed. Industria Vigo

    CCOO leva moito tempo reclamando maiores medidas de seguridade para o sector naval, xa que as empresas e a Xunta «foron baixando a garda constantemente», ata o punto de que a mesa sectorial estivo máis dunha década sen ser convocada.

    05/04/2024.

    URL | Código para insertar

    A economía medra e, con ela, os beneficios empresariais; porén, sobre a calidade de vida dos traballadores e traballadoras mantéñense implacables os elementos de desvalorización.

    É unha responsabilidade de CCOO impulsar un cambio de rumbo en Galicia con máis compromiso político, autogoberno, concertación social e xustiza social. Temos identificadas as cuestións que consideramos prioritarias para que Galicia se siga transformando e avanzando. O Goberno galego, saído das urnas no mes de febreiro, debe liderar un novo modelo de crecemento económico, equilibrado e duradeiro. Só nesas condicións a sociedade galega ampliará o seu horizonte de desenvolvemento e de cohesión social.

    Da creación de novos proxectos industriais non se pode prescindir para o cambio de modelo enerxético e produtivo que necesita Galicia. Un cambio que pasa por reforzar a aposta polas enerxías renovables, que contribuirá a desenvolver a capacidade tecnolóxica e a industria, reforzando os medios para desenvolver políticas de prevención do risco baseada na protección da saúde. Debe establecerse unha estratexia integrada para a produción industrial limpa, baseada na prevención da contaminación, na xeración de menos residuos e potenciar o desenvolvemento rural a partir da xestión sostible dos recursos naturais e dos bosques, incluído o aproveitamento enerxético da biomasa.

    Este novo modelo de crecemento ten que asentar na formación, na industria, na creación de emprego estable, de calidade e con dereitos. Tamén ha contar con garantías para a protección da saúde no traballo, para asegurar condicións de vida dignas.