Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 30 Abril 2024.

As empresas viven un momento de gran dinamismo e teñen marxe abondo para asumiren subas salariais

    Trátase dunha cuestión non só de xustiza social, senón de eficacia económica. 

    14/04/2024.
    Gabinete Económico de CCOO con datos do Observatorio de Marxes Empresariais

    Gabinete Económico de CCOO con datos do Observatorio de Marxes Empresariais

    Os datos de 2023 evidencian un dinamismo aínda maior ca o do ano anterior en termos do valor engadido bruto e as marxes empresariais rexistran niveis récord que superan as xa elevadas marxes de 2022.

    Os salarios non seguiron a mesma traxectoria ca as marxes e perderon peso na repartición do valor engadido bruto. Como destaca Carlos Gutiérrez, secretario confederal de Estudos e Formación Sindical de CCOO, «os traballadores e a sociedade seguen asumindo os custos da inflación».

    As empresas rexistraron niveis récord de marxes e taxas de rendibilidade en 2022 e 2023, moi superiores aos niveis prepandemia. As marxes empresariais absolutas aumentaron un 64 % entre 2018 e 2023. En 2023 sitúanse en 311 mil millóns, 121 mil millóns máis con respecto a 2018, incrementándose tanto para as actividades enerxéticas como as non enerxéticas. A capacidade das empresas de defender as súas marxes implicou poder repercutir o aumento de custos nos prezos de venda, explica Carlos Gutiérrez, «factor decisivo para explicar a forte inflación na economía española que minguou a capacidade adquisitiva das familias traballadoras». Pero o estudo revela que o incremento das marxes relativas, é dicir, as taxas de rendibilidade, supón que o proceso foi alén dunha mera defensa das marxes preexistentes.

    Doutra banda, o 20 % das empresas –as máis grandes– incluídas no Observatorio concentran o 91 % do valor engadido, o 98 % das marxes empresariais e teñen maiores taxas de rendibilidade media. Estas empresas son as que máis se benefician do incremento de marxes.

    Ademais, a repartición do aumento do valor engadido foi moi desigual entre capital e traballo. A poboación asalariada participou en moita menor medida que os beneficios dos avances de valor engadido bruto nos últimos anos, polo que perderon peso na repartición do valor engadido xerado (a cota dos salarios baixa do 52 % ao 46 % entre 2018 e 2023).

    En definitiva, os datos do Observatorio de Marxes Empresariais evidencian que as empresas viven un momento de gran dinamismo e teñen marxe abondo para asumiren subas salariais que, como mínimo, recuperen o poder adquisitivo perdido, sen risco de xerar tensións inflacionarias. A diminución do custo de insumos enerxéticos e materias primas dota dunha marxe aínda maior para as empresas, que deberían antepoñer as necesarias subas salariais a seguir acrecentando as súas marxes.