Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Maio 2024.

O Goberno do Concello de Ponteevdra (BNG) anuncia un “superavit” de máis de 11 millóns de euros

    Mentres o RPT é do ano 1999, o Convenio do 2007, non ten plan de igualdade, non negocia a carreira profesional, incumpre a Lei de prevención de RRLL, as horas extras paganse por debaixo da hora normal, .... Como relata o delegado de Persoal de CCOO no Concello de Pontevedra, Héctor Santaló, o Goberno local de Pontevedra é: O máis rico do camposanto

    19/04/2024.
    Protesta de delegados e delegadas no Concello de Pontevedra

    Protesta de delegados e delegadas no Concello de Pontevedra

    O máis rico do camposanto

    O pasado martes o edil municipal de Facenda, D. Raimundo González, deu unha rolda de prensa co gallo da incorporación aos orzamentos de 2024 os cartos que sobraron o ano pasado. Alardeou dun “superavit” máis de 11 millóns de euros, e dun endebedamento mínimo. Recoñecía, asemade, máis de dous terzos dos investimentos previstos para o pasado ano quedaron sen realizar.

    Se o discurso do Concelleiro estivese dirixido a unha hipotética xunta de accionistas, habería motivos para o triunfalismo máis non é o caso. O Concello de Pontevedra é unha institución que se financia con tributos e impostos que saen dos petos dos contribuíntes e que teñen que volver a eles en forma de bens e servizos públicos, polo que cada euro non gastado é un euro mal xestionado.

    Cando o Edil de facenda presume dun superávit de 11 millóns o que está a dicir que a cidadanía contribuíu o ano pasado con 11 millóns de máis (¿Imaxinádesvos a unha compañía presumindo de cobrar por servizos non prestados?); cando fala da débeda en “mínimos históricos” omite que é consecuencia da ausencia de investimentos en infraestruturas nos últimos mandatos (¿Viviriades baixo dunha ponte con tal de non pedir un crédito?), e cando fala de que a execución do investimentos non acadou o 30% quere dicir que só unha de cada tres obras previstas foron levadas a cabo (¿Pintariades só unha parede e media, tendo pintura de abondo para pintar as catro?).

    Ao ler as declaracións do Sr. Raimundo veume a cabeza a imaxe do “Tio Gilito”, aquel personaxe de Disney; metade pato metade “Donald Trump”; que só quería os cartos para zambullirse nunha piscina chea deles. Pero o certo é que reflicten a incapacidade do goberno municipal para desenvolver de xeito eficaz as súa políticas.

    Os problemas de organización que padece o Concello, a política de confrontación levada a cabo nos últimos anos contra todo individuo, colectivo ou organización coa que se topa, e a axustada representación do grupo de goberno no Pleno impídelles realizar unha xestión axeitada dos recursos que obteñen da sociedade.

    O de 2024 non son uns orzamentos de consenso. O goberno do BNG rexeitou negociar cos grupos da oposición, recorreu a vías extraordinarias para aprobalos pola súa conta, e agora, tirando de imaxinación (e de rede clientelar) inventou unha fórmula, de dubidosa legalidade, para que o pleno non poda decidir sobre as alegacións formuladas, (entre elas as de CCOO) evitando así un molesto debate público sobre un tema que xa se lles fai pesado.

    En cambio non parece importarlles que o debate xire cara a vulneración de deberes constitucionais, como negarlle á cidadanía o seu dereito a audiencia; ou sobre a usurpación de competencias, ao impedirlle ao Pleno decidir sobre a admisión das alegacións formuladas .¿Paga a pena caer tan baixo para aprobar uns orzamentos que non van ser quen de gastar?.

    As modificacións de crédito que haberá que facer para executar os orzamentos terán que ser aprobadas, si ou sí, por maioría no Pleno. Non existen mecanismos extraordinarios nin atallos que permita eludir ese trámite, polo que o goberno municipal está “condeado” a chegar a acordos coas forzas da oposición se quere desenvolver as súas políticas. Salvo que estas teñan como obxectivo ser “o máis rico do camposanto”...... Isto o poden facer soíños.