Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 5 Maio 2024.

Galicia é a sexta comunidade autónoma con máis accidentes de traballo e a quinta con máis sinistros mortais

    Co gallo do 28 de abril, Día Internacional da Seguridade e a Saúde no Traballo, a Secretaría de Saúde Laboral de CCOO presentou este luns un resumo dos datos de sinistralidade laboral do ano 2023 e un avance do que vai do presente 2024. No 2023, en relación co ano anterior, os accidentes con baixa en xornada laboral incrementáronse en 2021, o que en termos porcentuais representa unha suba do 7,11 %. Foron, en total, 27 274 sinistros laborais, dos cales 26 860 foron leves, 364 graves e 50 mortais.

    22/04/2024.
    Armando Iglesias, secretario de Saúde Laboral de CCOO

    Armando Iglesias, secretario de Saúde Laboral de CCOO

    Canto ao índice de incidencia —cociente entre o número de accidentes sobre o total da poboación traballadora—, tamén aumentou, concretamente un 5,14 %.

    Segundo os datos do Ministerio de Traballo, Galicia é a sexta comunidade autónoma con máis accidentes con baixa en xornada laboral. Porén, atendendo á gravidade, é a quinta con máis sinistros con resultado de morte —doce persoas falecidas máis que a comunidade situada no sexto lugar, que rexistrou 38.

    Situación por sexos e sectores de actividade

    Por sexos, a maior incidencia dos accidentes de traballo deuse entre a poboación masculina, que concentrou o 70,99 % dos accidentes leves, o 83,51 % dos graves e o 92 % dos mortais.

    No 2023, o sector de actividade co maior índice de incidencia foi a construción (5,29 %, que corresponde a 5292,31 accidentes por cada cen mil persoas traballadoras), seguida da industria (4,81 %) e a pesca (4,17 %). Porén, en números absolutos, o sector con maior número total de accidentes foi o dos servizos (14 081), seguido da industria (7047) e da construción (4261).

    Peor contrato, maior risco

    Un ano máis, os datos poñen de manifesto que a precariedade laboral ten relación coa sinistralidade laboral. En proporción, as persoas traballadoras cun contrato temporal sofren máis accidentes ca as que teñen unha relación estable. No entanto, grazas á reforma laboral e á conversión de moitos contratos temporais en indefinidos, a sinistralidade entre os temporais diminuíu un 27,55 % no último ano.

    Causas

    Segundo os datos do Instituto Galego de Seguridade e Saúde no Traballo (ISSGA), as causas máis habituais das 50 mortes rexistradas como consecuencia da actividade laboral —46 homes e catro mulleres— foron os infartos e outras patoloxías non traumáticas, con 21 (42 % do total). A segunda foron os choques ou golpes contra obxectos en movemento (12, o 24 %) e en terceiro lugar xa se atoparían as caídas ou os atrapamentos (en ambos os casos sete, o 14 %).

    Ligazóns relacionadas
    Ligazóns relacionadas