Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 5 Maio 2024.

Primeiro de Maio

CCOO e UGT reclámanlle ao Goberno políticas «valentes» para «seguir avanzando» no ámbito laboral e social

    A secretaria xeral do S. N. de CCOO de Galicia, Amelia Pérez, e o secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, presentaron esta mañá as mobilizacións e reivindicacións de ambos os dous sindicatos con motivo do Primeiro de Maio, Día Internacional do Traballo. Na súa intervención, Amelia Pérez reclamoulle ao Goberno central políticas «valentes» para «seguir avanzando» nas conquistas conseguidas na última lexislatura nos ámbitos laboral e social.

    24/04/2024.
    Amelia Pérez e José A. Gómez presentaron as mobilizacións e reivindicacións do Primeiro de Maio

    Amelia Pérez e José A. Gómez presentaron as mobilizacións e reivindicacións do Primeiro de Maio

    Entre os fitos da última lexislatura, a secretaria xeral de CCOO mencionou a reforma laboral, cuxos resultados «se trasladaron aos datos de emprego», salientando o aumento de contratos indefinidos «que se está producindo mes a mes». Agora «toca defender o gañado e continuar avanzando en novos retos laborais e sociais», subliñaron tanto Amelia Pérez como José Antonio Gómez.

    Por este motivo, o lema do Primeiro de Maio é «Polo pleno emprego: menos xornada, mellores salarios», que sintetiza a necesidade de «seguir avanzando e transformando este país, sobre todo ante os retos que temos riba da mesa».

    Entre as medidas «valentes» que se lle reclaman ao Goberno de España está, precisamente, a redución da xornada laboral. De aí a proposta que xa se lle formulou ao Ministerio de Traballo para que este ano e o que vén se adopte o acordo do número de horas laborables semanais.

    Canto aos salarios, Amelia Pérez instou o Executivo a «romper mantras» como que o aumento do salario mínimo destrúe emprego, afirmación desmentida polos datos. «Hai que seguir abundando no aumento do SMI e, co resultado de marxes empresariais que hai neste país —publicouse un informe recente ao respecto—, hai espazo para aumentar os salarios a través da negociación colectiva», subliñou.

    Outros retos riba da mesa son o cambio do modelo produtivo, a introdución da intelixencia artificial no mundo do traballo ou a «necesaria» reindustrialización do noso país que, porén, «non pode ser a calquera prezo», advertiu a secretaria xeral de CCOO.

    Contra as políticas de austeridade

    Estes retos enmárcanse nun contexto sociopolítico «complicado» e xeopoliticamente «aínda máis», cunhas eleccións europeas o vindeiro 9 de xuño. A este respecto, advertiu contra as voces que piden a volta á contención de gasto e ás políticas «de austeridade» no ámbito da Unión Europea.

    Os sindicatos españois, franceses, belgas e italianos xa reaccionaron dirixíndose aos eurodeputados e eurodeputadas para pedir un cambio de rumbo na votación das regras fiscais, pois sería «un erro» volver ás políticas que se adoptaron na anterior crise económica.

    Mobilizacións do Primeiro de Maio (*)

    — A Coruña (acto central). Saída ás 12:00 da praza da Palloza ata a Delegación do Goberno.

    — Ferrol. Saída ás 12:00 do Inferniño (Porta Nova) ata a praza de Armas.

    — Santiago. Saída ás 12:00 da Alameda e remate na praza de Praterías.

    — Lugo. Saída ás 12:30 da rolda da Muralla ata a Subdelegación do Goberno.

    — Viveiro (só CCOO). Saída ás 11:45 da rúa de García Dóriga ata a praza da Fontenova.

    — Ourense. Saída ás 12:00 do pavillón dos Remedios ata a Subdelegación do Goberno.

    — Pontevedra (só CCOO). Saída ás 11:30 do Hospital Provincial ata a praza da Pedreira.

    — Vilagarcía. Saída ás 12:00 da praza de Ravella e remate no mesmo lugar.

    — Vigo. Saída ás 11:30 do cruzamento da Vía Norte con Urzáiz ata Montero Ríos.


    (*) Todas as mobilizacións, agás aquelas en que se indica o contrario, son conxuntas coa UGT.