Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 22 Maio 2024.

CCOO presenta unha campaña para esixir mellores soldos no sector da limpeza: «Que ninguén limpe o teu salario»

    A Federación de CCOO do Hábitat presentou este xoves na Coruña a campaña «Que ninguén limpe o teu salario», dirixida a esixir mellores soldos no sector da limpeza. Esta campaña nace con motivo da negociación do convenio da limpeza nas catro provincias galegas e as propostas á baixa formuladas pola patronal. A escolla desta cidade como punto de partida da campaña débese á negativa das empresas a cumpriren coa suba salarial asinada cos sindicatos e que dá dereito a un incremento das retribucións do 9,8 %, o que significa ao redor duns cen euros ao mes para cada limpadora a xornada completa.

    25/04/2024.
    Presentación da campaña «Que ninguén limpe o teu salario»

    Presentación da campaña «Que ninguén limpe o teu salario»

    Ademais de esixir o asinamento do que está pactado, o sindicato interporá centos de denuncias na Inspección de Traballo. CCOO considera que cada empresa que non actualice os salarios estará a cometer «unha fraude por infracotizacións» que na provincia da Coruña «pode superar os dous millóns de euros».

    O sindicato coida que as Administracións non poden ollar para outro lado. «As empresas de limpeza incumpren sistematicamente os pregos de condicións», sinalou Alejandra Gesto, secretaria xeral de CCOO-Hábitat. «Empresas como Eulen, cun gran número de contratos públicos, ou Clece, que presta servizos nos albergues do Camiño de Santiago ou nos xulgados, deben cumprir a normativa laboral e isto inclúe os incrementos salariais pactados».

    Ademais, CCOO enviaralles cartas aos principais clientes destas grandes empresas, advertindo que, chegado o caso, serán codemandados debido a estes incumprimentos. Trátase de compañías como Inditex, Estrella Galicia, Finsa, Calvo, Cortiza, Frinsa, Ikea ou El Corte Inglés, entre outras.

    Situación nas demais provincias

    En cada unha das provincias galegas hai distintos problemas, sinalou CCOO, pero en todos os casos hai un denominador común: precariedade nas condicións e resistencias da patronal a calquera avance, incluso a respectar o salario mínimo interprofesional.

    En Lugo, as patronais asinaron un convenio coa CIG —sindicato que ten a maioría—, con táboas salariais por baixo do SMI e sen cláusula de revisión. «Ante esta aberración, estudaremos o convenio unha vez se publique para impugnalo e elevar os soldos» dos 15 019,29 euros anuais pactados aos 15 876 «que CCOO e UGT acordamos no ámbito estatal do diálogo social», explicou Alejandra Gesto.

    Na provincia de Ourense, as empresas ofrecen soldos anuais 800 euros por baixo do SMI e tampouco acceden a asinar cláusulas de revisión salarial. «A negociación está moi lonxe de chegar a un acordo», resumiu a sindicalista.

    En Pontevedra pechouse sen acordo a mesa de negociación. «A patronal pedía abrir a xornada a doce horas de traballo diarias, o que significaría décadas de retroceso na loita das traballadoras», denunciou a secretaria xeral de CCOO-Hábitat. O sindicato esixirá a aplicación da cláusula de revisión automática fixada para os casos en que a patronal se nega a negociar un novo acordo, o que dará dereito a unha suba do 3,1 % para este ano, «superior á oferta das propias empresas».