Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 7 Maio 2024.

Os datos da EPA demostran que a reforma laboral segue reducindo a temporalidade no emprego, agora en mínimos históricos

    Os datos da enquisa de poboación activa (EPA) do primeiro trimestre do ano demostran que a reforma laboral segue reducindo a temporalidade do emprego. É a principal conclusión de CCOO ao analizar uns datos que sitúan a taxa de temporalidade no 15,2 %, a menor das últimas décadas. Como aspecto máis negativo da enquisa, a perda de postos de traballo no primeiro trimestre do ano, especialmente no sector público autonómico.

    26/04/2024.
    A taxa de temporalidade cae ao 15,2%, o menor dato das últimas décadas

    A taxa de temporalidade cae ao 15,2%, o menor dato das últimas décadas

    Segundo a EPA, o sector privado foi este trimestre o motor do emprego, con 10 900 postos de traballo máis, compensando en parte a perda de 12 000 no conxunto do sector público —deste total, a metade na Administración autonómica.

    Ante os datos do sector autonómico, CCOO insta a Xunta a apostar polos servizos públicos, «xa que iso significa emprego de calidade», indica Maica Bouza, secretaria de Emprego do sindicato.

    A influencia positiva da reforma laboral, xunto cos retos pendentes —como a consecución do pleno emprego e mellores condicións de traballo—, levan a CCOO a chamar a participar nas mobilizacións do Primeiro de Maio. «Temos que consolidar as conquistas conseguidas e seguir reivindicando máis e mellores empregos, de calidade, con mellores salarios e máis seguros».

    Caída do emprego

    Galicia comeza 2024 con 131 600 persoas en desemprego, segundo a EPA. Son 16 700 máis que no trimestre anterior. Deste xeito, o desemprego medra en Galicia un 14,5 % e no Estado un 4,09 %. Canto ao emprego, redúcese en 8100 persoas (–0,72 %), que en termos porcentuais é lixeiramente superior á estatal (–0,65 %). Porén, o emprego medra noutras cinco comunidades autónomas.

    Se os datos trimestrais son peores, en termos interanuais a situación muda: nos tres primeiros meses do 2024 hai 24 000 persoas ocupadas máis e 3400 parados menos ca no mesmo período do 2023.

    A ocupación masculina perde 6000 empregos e a feminina 2200. Por sectores de actividade, a situación non é homoxénea. A ocupación medra no sector primario (+400) e na construción (+3300), pero pérdense 200 na industria e 11 600 nos servizos.

    Por sexos, a evolución é diferente: o emprego masculino redúcese no sector primario e nos servizos, sobe na industria e na construción; o emprego feminino medra no sector primario e na construción, pero redúcese na industria e nos servizos.

    Temporalidade en mínimos

    O emprego asalariado redúcese en 1100 persoas, resultado da creación de 9900 empregos asalariados indefinidos e a redución de 11 000 temporais. Isto sitúa a taxa de temporalidade no 15,2 %, a mínima das últimas décadas.

    O sector privado segue a impulsar a creación de emprego asalariado con 10 900 novos empregos fronte á perda de 12 000 empregos asalariados no conxunto do sector público. Neste último, cae o emprego indefinido (–7300) e o temporal (–4600). No privado créanse 17 200 indefinidos e os temporais caen en 6300.

    CCOO destaca a evolución do emprego asalariado segundo tipo de xornada: a tempo completo medra en 7500 —8400 máis son indefinidos e 900 menos temporais—; a tempo parcial cae en 8500 ocupacións —as indefinidas a tempo parcial soben en 1600 mentres que as temporais caen en 10 100.

    Fogares sen ingresos

    Segundo a EPA, hai 49 900 fogares con todas as persoas en desemprego e 24 100 en que non entra ingreso ningún. Por outra banda, a taxa de actividade sitúase en Galicia no 53,18 %, cifra que é 5,5 puntos inferior á estatal. Canto á taxa de paro, sitúase no 10,45 % en Galicia e no 12,29 % no Estado.