Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Decembro 2024.

Xornada de folga e mobilización nas empresas DXC Technology e Teleperformance

    Este luns, 29 de abril, tivo lugar na Coruña unha xornada de folga e mobilización nas empresas DXC Technology e Teleperformance.

    30/04/2024.
    Folga e mobilización do persoal de Teleperformance na Coruña (29/4/2024)

    Folga e mobilización do persoal de Teleperformance na Coruña (29/4/2024)

    Na primeira das compañías, que seguirá cos paros o martes, a mobilización convócana CCOO, CGT, CSI, USO, I-CSC e UGT. DXC é unha multinacional que proporciona servizos informáticos e de xestión de procesos nas principais empresas da banca, enerxía e Administracións públicas.

    Actualmente, existe un conflito pola perda de poder adquisitivo como consecuencia da inflación, ata un 17% nos últimos tres anos. As posturas coa empresa están moi afastadas, de aí as mobilizacións. A negativa da dirección a mellorar os soldos contrasta cos bos resultados económicos das súas liñas de negocio.

    Destruída a metade do emprego

    Canto a Teleperformance, empresa do sector de centros de chamadas, a folga convocárona CCOO, UGT e CIG. Os sindicatos denuncian «despedimentos, presións constantes e inadmisibles» ao persoal por «resultados, protocolos ineficientes, falta de comunicación co comité», entre outras cuestións.

    A destrución de emprego na compañía é constante, reduciuse á metade en poucos anos e agora quedan unhas 450 persoas traballadoras —non hai moito eran case mil.

    Hai cinco meses aplicouse un ERE que supuxo a perda de 70 postos de traballo. Os sindicatos non pararán coas mobilizacións, pois «non imos consentir que o traballo diario se converta nunha constante incerteza para o persoal da delegación» da Coruña.