Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 17 Maio 2024.

Milleiros de persoas mobilizáronse en toda Galicia con CCOO e UGT para esixir pleno emprego, mellores salarios e menor xornada

    Milleiros de persoas mobilizáronse en toda Galicia co Sindicato Nacional de CCOO de Galicia e UGT-Galicia para esixir pleno emprego, mellores salarios e menor xornada laboral. Ambas as dúas organizacións convocaron mobilizacións en toda a comunidade autónoma, sendo na Coruña o acto central, que contou coa presenza da secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez, e de UGT, José Antonio Gómez.

    02/05/2024.

    URL | Código para insertar

    Cabeceira da manifestación da Coruña

    Cabeceira da manifestación da Coruña

    Nun contexto convulso como o actual, tanto a nivel estatal como internacional, CCOO e UGT fixeron un chamamento a defender o sindicalismo de clase como un piar transformador: onde hai sindicatos fortes e con forza na toma de decisións, a vida da clase traballadora é mellor.

    Grazas ao diálogo social, na última lexislatura conseguíronse importantes melloras para a clase traballadora, como a reforma laboral, que se traduce en mellora na calidade do emprego —así o recollen as estatísticas oficiais—. Agora toca avanzar e camiñar cara ao pleno emprego.

    Pleno emprego e, ao tempo, menor presenza nos centros de traballo, de aí a proposta de redución de tempo de traballo que os sindicatos lle trasladaron ao Goberno de España, co obxectivo de reducir a xornada laboral semanal.

    No tocante aos salarios, «hai marxe para incrementalos», sinalou Amelia Pérez en declaracións aos medios de comunicación antes de comezar a manifestación da Coruña. «Hoxe é un día reivindicación, de seguir mellorando a vida da xente e seguir na senda do aumento do salario mínimo». Segundo explicou, a suba salarial é compatible coa recuperación do emprego e unha absoluta necesidade para amortecer o impacto da inflación sobre o poder adquisitivo das persoas traballadoras.

    Soster os sistemas de protección social, protexer as persoas traballadoras que se encontran en situacións de vulnerabilidade, acabar coa precariedade laboral da xuventude ou coa fenda de xénero son outros dos grandes retos pendentes e polos que CCOO e UGT seguirán loitando.