Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 17 Maio 2024.

CCOO subliña ante o novo conselleiro de Emprego a necesidade de conseguir «acordos útiles» que favorezan a clase traballadora

    Esta mañá tivo lugar unha reunión entre a secretaria xeral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, Amelia Pérez, e o novo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, á cal acudiu tamén o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais do Goberno galego, Pablo Fernández. A dirixente sindical defendeu a importancia do diálogo social, que ten como obxectivo a concertación social para conseguir «acordos útiles» que favorezan a clase traballadora.

    02/05/2024.
    A secretaria xeral trasladoulle ao novo conselleiro (no centro da fotografía) as principais demandas de CCOO

    A secretaria xeral trasladoulle ao novo conselleiro (no centro da fotografía) as principais demandas de CCOO

    Neste diálogo, CCOO fará propostas «construtivas» e procurará chegar a consensos, «aínda que non sempre sexa posible». Nun caso ou noutro, a actitude do sindicato «partirá en todo momento da premisa da lealdade institucional».

    Políticas activas de emprego e sinistralidade laboral

    No tocante ás políticas activas de emprego, Amelia Pérez demandoulle cambios ao conselleiro. Segundo detallou na reunión, Galicia leva varios meses con peores datos ca a media estatal. «Se o marco legal é o mesmo para toda España, haberá que facer cambios no que se refire ás políticas autonómicas», resume a secretaria xeral de CCOO.

    Por outra banda, Amelia Pérez tamén lle transmitiu a José González a súa preocupación polos datos de sinistralidade laboral en Galicia. «O conselleiro comparte esa preocupación e será unha das primeiras tarefas que ha abordar», indica a dirixente sindical.

    Por último, a secretaria xeral de CCOO apunta que esta foi unha «primeira toma de contacto», quedando emprazadas as partes «a unha xuntanza formal ao longo deste mes de maio».