Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 27 Xullo 2024.

A comisión paritaria do convenio de residencias de Galicia asina as novas táboas salariais, con incrementos retributivos

    A comisión paritaria do convenio de residencias de Galicia, da cal forma parte a Federación de Sanidade de CCOO, acaba de actualizar as táboas salariais do sector, con incrementos retributivos para mitigar o impacto da inflación sobre o poder adquisitivo dos traballadores e das traballadoras.

    22/05/2024.
    O persoal das residencias mobilizouse os anos 2021 e 2022 por un convenio digno

    O persoal das residencias mobilizouse os anos 2021 e 2022 por un convenio digno

    Desde CCOO salientan que, malia estar xa constituída a mesa de negociación do convenio —o actual rematou a súa vixencia o pasado 31 de decembro—, «conseguimos que a actualización dos salarios non fose materia de nova negociación, senón acordo da comisión paritaria».

    Precisamente, o artigo 5 do convenio prevé que «todos os seus conceptos económicos se incrementarán nunha contía igual ao IPC do ano anterior, que será aboada desde o primeiro mes do ano logo de xuntanza da comisión paritaria do convenio».

    A incorporación da dita cláusula permite esta actualización dos salarios, de xeito que as traballadoras e traballadores do sector non padezan as consecuencias dunha conxelación salarial mentres non se chegue a acordo para un novo texto.

    As novas táboas, asinadas na comisión paritaria do 21 de maio, recollen unha suba do 3,1 %, equivalente ao IPC con que pechou decembro do 2023.