Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Decembro 2024.

CCOO denuncia a parálise dos convenios do sector dos servizos en Lugo

    CCOO-Servizos denunciou este mércores o bloqueo que padecen os convenios colectivos da provincia de Lugo no ámbito desta federación e pediu a intervención do Consello Galego de Relacións Laborais. Así o explicaron nunha conferencia de prensa na que interviñeron a secretaria xeral de CCOO-Servizos, Lucía Trenor, o secretario de Acción Sindical, Juan Zas, e o secretario xeral de CCOO de Lugo, Manuel Quiñoá.

    29/05/2024.
    De esq. a der., Manuel Quiñoá, Lucía Trenor e Juan Zas

    De esq. a der., Manuel Quiñoá, Lucía Trenor e Juan Zas

    Para CCOO é «inaceptable» que as diferentes patronais manteñan bloqueados os convenios, situación «que se arrastra desde o ano 2010». Nin se actualizaron os salarios, nin os beneficios sociais que xa incorporan os convenios doutras provincias, tales como licenzas, descansos ou reducións de xornadas.

    A única mellora foi grazas aos incrementos do salario mínimo, suba na que CCOO tivo un «papel fundamental» como primeira organización sindical do Estado. O desleixo por parte das empresas e das Administracións «non fai máis que incrementar a desigualdade e a precariedade das traballadoras e traballadores de Lugo» e fomentar a saída de persoal para traballar noutras provincias.

    Para reverter a situación, CCOO deu un primeiro paso convocando as patronais «de forma inmediata» mediante unha solicitude a través do Consello Galego de Relacións Laborais, para estudar a posibilidade de abrir unha mesa de negociación dun convenio de comercio vario.