Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 27 Xullo 2024.

CCOO demanda políticas sectoriais para diversificar a actividade e consolidar a creación de emprego en Galicia

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia considera positivos os datos do paro rexistrado do mes de maio, coñecidos hoxe. As cifras indican que se reduciu en Galicia en 4298 persoas (–3,4 %) e a afiliación á Seguridade Social, tomando o dato do último día do mes, rexistra unha suba de 7936 afiliados e afiliadas (+0,7 %). Canto a esta afiliación, considerando os datos da media mensual, sobe en 8957 persoas respecto ao mesmo período do mes anterior (+1 %). Asemade, o paro está en mínimos históricos: 122 036 persoas desempregadas en Galicia ao finalizar o mes de maio.

    04/06/2024.
    Galicia precisa diversificar a economía para consolidar a creación de emprego

    Galicia precisa diversificar a economía para consolidar a creación de emprego

    Para a secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, a evolución do emprego tanto por sexos como por sectores de actividade responde «en boa medida» á contratación estival. Tomando como referencia as afiliacións ao réxime xeral e de autónomos, tres de cada dez empregos corresponden á hostalaría, apunta.

    Malia o positivo das cifras, os datos «seguen evidenciando unha desigual situación das mulleres no mercado laboral galego», onde representan seis de cada dez persoas desempregadas. Por outra banda, pese a esta creación de postos de traballo, Galicia segue sen alcanzar aos máximos históricos logrados no 2008.

    Debido a isto, a sindicalista insta a Xunta a «preocuparse máis de gobernar Galicia que de apoiar as estratexias do PP no ámbito estatal». Na súa opinión, son precisas políticas sectoriais para diversificar a actividade e consolidar no tempo esta creación de emprego de carácter estacional.

    Análise por sexos e sectores

    En Galicia están no desemprego 50 836 homes (2159 menos que en marzo) e 71 200 mulleres (–2138). Atendendo ás idades, hai 4605 persoas menores de 25 anos inscritas no Servizo Público de Emprego (–420) e 117 431 maiores desa idade (–3878). Con estes datos, o paro está en mínimos históricos: 122 036 persoas desempregadas en Galicia ao rematar o mes de maio.

    Por sectores, diminúe en todos: 3221 persoas desempregadas menos nos servizos, 406 na industria, 264 na construción e 169 no primario. Tamén cae en 238 entre o colectivo sen emprego anterior.

    Análise da contratación

    En maio rexistráronse en Galicia 60 273 contratos (+6,7 %), dos cales 41 496 foron temporais e 18 777 indefinidos. A contratación indefinida cae un 1,2 %, mentres que a temporal sobe un 10,8%. De cada 10 contratos rexistrados, 3 son indefinidos. «Un mes máis temos que destacar o menor compromiso do sector empresarial galego co emprego de calidade», lamenta Maica Bouza, pois en Galicia son indefinidos 31 de cada 100 contratos rexistrados, porcentaxe que se eleva a 43 de cada 100 no conxunto do Estado.

    Afiliación á Seguridade Social

    Canto á Seguridade Social, cos datos do último día de mes, a afiliación sobe en 7936 persoas (+0,7 %), ata situarse en algo máis de 1,07 millóns de afiliados e afiliadas. A afiliación media mensual, porén, aumenta en 8957 (+0,8 %), situando a afiliación en case 1,08 millóns. Do total de persoas afiliadas, 853 229 corresponden ao réxime xeral, 205 502 ao de autónomos e 18 560 ao réxime especial do mar.

    Nos réximes xeral e agrario, a afiliación media increméntase en 9285 afiliados e afiliadas máis no último mes. Deste total, un 26,8 % corresponden á hostalaría, un 15,2 % á Administración pública, un 11,3 % á sanidade, un 5,6 % á industria manufactureira e un 4,7 % á construción.

    Prestacións por desemprego

    En abril cobraron algún tipo de prestación por desemprego 82 164 persoas: 37 189 prestacións contributivas e 44 975 subsidios. En relación cos ERTE do mes de maio, este mecanismo daba cobertura a 658 persoas a final do mes, das cales 494 estaban en ERTE ETOP e 164 en ERTE de forza maior.