Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Decembro 2024.

CCOO recorre os orzamentos do Concello de Pontevedra por falta de participación dos axentes sociais

    Comisións Obreiras presentou recurso aos orzamentos municipais do Concello de Pontevedra por non se permitir a participación dos axentes sociais. Así o explicou hoxe nunha conferencia de prensa o secretario de Organización da Unión Comarcal de CCOO de Pontevedra, José Luis García Pedrosa, acompañado da secretaria xeral do sindicato, Amelia Pérez.

    05/06/2024.
    José Luis García Pedrosa e Amelia Pérez presentaron un informe sobre a situación socioeconómica municipal

    José Luis García Pedrosa e Amelia Pérez presentaron un informe sobre a situación socioeconómica municipal

    CCOO criticou que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, desestimara as alegacións da parte social ao vinculalas coa moción de confianza levada ao pleno para sacar adiante os orzamentos.

    O sindicato non comparte este razoamento, xa que a cuestión de confianza atangue a parte política da aprobación dos orzamentos, pero non pode utilizarse para eliminar o dereito á participación de que gozan os axentes sociais —representados no Consello Económico e Social de Pontevedra—, entre eles CCOO.

    No seu recurso, CCOO alude aos informes dos técnicos municipais, que consideran que estas alegacións ten que as desestimar o pleno e non o alcalde.

    Desde CCOO lembran que, segundo a lexislación, son «nulos de pleno dereito» os actos das Administracións públicas que sexan «ditados prescindindo total e absolutamente do procedemento legalmente establecido ou das normas que conteñen as regras esenciais para a formación da vontade dos órganos colexiados».

    Estudo sobre a situación socioeconómica

    Nesta conferencia de prensa, CCOO tamén adiantou as principais conclusións dun estudo sobre a situación socioeconómica no termo municipal de Pontevedra, que o sindicato exporá polo miúdo mañá xoves na reunión prevista do Consello Económico e Social.

    Entre outras, a necesidade de reverter a caída de poboación, promover o desenvolvemento industrial, estimular a cooperación empresarial para incrementar o tamaño das empresas e fomentar sinerxías e desenvolver políticas de emprego e formación.