Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

Presentación - Diálogo social

A Organización Internacional do Traballo (OIT) define o diálogo social como un proceso de información, de consulta ou de negociación. É o conxunto de canles que facilitan a participación dos axentes sociais e económicos na vida política, económica, cultural e social.

A Constitución española recoñece o papel institucional das organizacións sindicais e empresariais, configurándoas como un dos piares básicos do Estado social e democrático de dereito. A interlocución social tamén está prevista no Convenio n.º 150 da OIT e na comunicación de 12 de agosto de 2004 da UE.

En Galicia, a Lei de participación institucional resérvanos o dereito de participación ás organizacións sindicais e patronais intersectoriais máis representativas, de conformidade coa Lei orgánica de liberdade sindical e o Estatuto dos Traballadores.

O marco legal atribúenos, polo tanto, unha posición xurídica relevante na participación e na xestión das políticas públicas de natureza socioeconómica e sociolaboral.

No ámbito de intervención do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, a nosa interlocución social estrutúrase da seguinte maneira:

— Participación institucional de ámbito tripartito

Con facultades de información previa e consulta. Participamos nun total de 134 organismos, comités, consellos e comisións de participación.

— Consello Económico e Social de Galicia (CES)

O Consello Económico e Social é un organismo consultivo da Xunta de Galicia en materias socioeconómicas en que está representado un amplo número de organizacións socio-profesionais, entidades e asociacións que se configura como foro permanente de diálogo e deliberación entre entre a sociedade civil organizada e a Xunta de Galicia. Este labor aplícase non só á actividade normativa gubernamental, senón mesmo á elaboración, por iniciativa propia, de estudos e informes que conteñan propostas encamiñadas a unha eventual introducción de reformas nas políticas públicas aplicadas aos diferentes sectores de actividade.

— Consello Galego de Relacións Laborais

É un ente público de carácter bipartito onde estamos as tres organizacións sindicais máis representativas en Galicia. Contamos con capacidade de información, consulta e negociación.

— Diálogo social tripartito

É un ámbito de negociación e consulta onde participamos as organizacións sindicais e patronais máis representativas, que o que centra esta sección da nosa páxina web.

Este último espazo de negociación tripartita, malia os esforzos por dotalo de carácter institucional, sempre estivo sometido aos vaivéns do contexto político, económico e social.

Para evitalo, unha das premisas do proceso de diálogo iniciado en 2019 foi a aceptación de crear un marco permanente de encontro entre os interlocutores sociais e económicos e o Goberno galego que negocie sobre aquelas materias sociais e de políticas públicas que, desde o acordo, se promovan, garantindo a suficiencia económica para facelas viables.